Convócase o Premio Trevo de narrativa a obra publicada en galego

Está promovido por un grupo de lectores

A historia do Premio Trevo de narrativa é tan inusual como fermosa. Nace "en recordo de María Duro Mansilla, co-autora de O trevo de catro follas", unha novela editada este ano por Morgante Editora e da autoría da propia María Duro e de Daniel Ugarte. O libro recolle "parte dos diarios que escribiu durante o o seu tratamento de quimioterapia e conta a historia do trevo que a acompañou todo o proceso". O proceso levou á morte da autora que agora o premio conmemora. O premio tenta recoñecer "a excelencia literaria da narrativa en lingua galega" e poderá outorgarse a "calquera obra literaria narrativa (novela, colección de relatos, libro de viaxes, colección de artigos xornalísticos) escrita orixinalmente en lingua galega, e publicada por primeira vez no ano anterior ao de cada convocatoria". Os promotores son a Confraría da Ínfima Plebe, un colectivo de lectores nacido no Galituiter, que á súa vez conformarán o xurado da primeira edición. O premio ten unha contía de 1504,80 euros. A curiosa e inusual cifra é a data de nacemento de María Duro Mansilla. Non é posible candidatarse ao premio. Entre os membros do xurado están o propio Daniel Ugarte, presidente do xurado, o editor Moisés Barcia, a xornalista Marta Otero, a catedrática de musicoloxía e novelista Eva Moreda ou o crítico literario Javier Gómez como secretario. O Trevo será, despois do premio Antón Losada Diéguez, o segundo dos certames galegos que se conceden a obra publicada.