María López Quiroga Foto: editorial Galaxia
O xurado da novena edición do Premio Illa Nova de Narrativa decidiu por maioría outorgar o galardón deste ano ao texto 'Perder o norte', obra da escritora María López Quiroga (Lugo, 1992). O xurado destacou da obra escollida que "é unha novela cun estilo moderno que dialoga co xénero dramático para tratar asuntos de actualidade como a saúde mental ou a dor. A historia afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e, a través delas, esculca nese sentimento ata a emoción", explica na súa acta. O xurado estivo conformado por Ana Arias Castro, Iria Collazo, Lara Dopazo, Ramón Nicolás e Adrián Pérez Bote. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva. O certame comporta un premio único de 3.000 euros á obra gañadora.
A autora está graduada en Neurociencia pola Universidade de Edimburgo e licenciada en Medicina pola Universidade Complutense de Madrid, María López Quiroga escribe desde nena. Traballou como escritora, editora e divulgadora científica en Escocia e Suecia. Segundo explican desde a acta, sobre 'Perder o norte', a historia transita diversos territorios, físicos e emocionais, dende as paisaxes luguesas da nenez, ata a xeografía itinerante que percorre a protagonista. Estas referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias, musicais, constrúen un potente retrato xeracional. Segundo o xurado a autora "exhibe un estilo poderoso e coidado para narrar o proceso de crecemento da voz narradora".