
O xurado destacou que 'Os afogados' é unha novela moi interesante e significativa dentro da narrativa galega, porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá. Sinala que a obra é suxestiva no formal "co uso da linguaxe inclusiva, con diálogos moi directos, sen artificios, pero cun estilo moi depurado que consegue transmitir a historia con gran axilidade". Segundo a acta, "en todo momento o autor logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración, mantendo a tensión narrativa nunha trama moi equilibrada. O feito fantástico vai máis alá dunha personaxe para presentarse como un suceso comunitario que atravesa todo un imaxinario xeográfico, ademais o xurado pon en valor que ese marco sexa recoñecible e contemporáneo". Para o xurado 'Os afogados' é "unha proposta orixinal de gran altura estética", na que consideran que o autor introduce "achegas novidosas a carón doutras máis tradicionais". Cualifican a obra como "distopía" que introduce o tema do medo, de como se afronta, da difusión dos discursos de odio.