Sara Vila Alonso faise co Premio Illa Nova de Narrativa

Oito días sen Eva Cortes impúxose no certame que convocan Galaxia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés

22/6/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: literatura
38 lecturas | Compartido 0 veces

Sara Vila. Fonte: Editorial Galaxia.

A Editorial Galaxia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés daban a coñecer na mañá deste 22 de xuño o fallo da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa. Oito días sen Eva Cortes é o título da novela que lle outorgou a vitoria no certame para menores de 35 anos a Sara Vila Alonso. O xurado apunta que a obra destaca "pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento". A autora recibirá un premio en metálico de 3.000 euros.

O fallo apunta da obra "a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio. A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade". Ao tempo, sinala que "a autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal".

O xurado estivo composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Narrativa, Sara Vila Alonso, Sara Vila Alonso, Cortes...