O 'Labirinto' de Ramón Trigo entra na lista internacional The White Ravens

É o único libro en galego desta lista internacional de 215 obras de literatura infantil e xuvenil

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
Compartir:
O 'Labirinto' de Ramón Trigo entra na lista internacional The White Ravens

O libro 'Labirinto. Diario de viaxe dun artista monocromo', do autor e ilustrador vigués Ramón Trigo, e publicado por Kalandraka, é o único en galego das 215 obras de todo o mundo de literatura infantil e xuvenil seleccionadas pola Fundación da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich na prestixiosa lista The White Ravens 2025. As obras escollidas están en 49 linguas procedentes de 63 países. Esta selección The White Ravens 2025 presentarase o vindeiro 15 de outubro na xornada inaugural da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se celebrará ata o domingo 19.

O comité de expertos da Biblioteca Internacional de Xuventude cualifica 'Labirinto. Diario de viaxe dun artista monocromo' como un libro "impresionante" e "de gran beleza" que xurdiu das notas e dos bosquexos realizados por Ramón Trigo durante unha viaxe a Nixeria, onde colaborou cun grupo diverso de artistas locais. Do choque cultural que lle causou unha fonda impresión xorde esta historia onde "se difuminan os límites entre a experiencia e a ficción", argumentan na xustificación deste recoñecemento. "O texto é conciso e a linguaxe, vívida e metafórica, ao describir, por exemplo, lugares reais como espazos labirínticos que o artista experimenta con todos os seus sentidos, onde se perde e atopa", engade a valoración, que tamén destaca a variedade de técnicas e o papel central da paleta cromática utilizada "para crear as expresivas imaxes, nas que se aprezan claramente pinceladas amplas, texturas e capas".

Que che parece esta nova?
111 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ramón Trigo, Literatura, Xuventude, Feira...

Claves

Protagonistas
Entidades
Lugares