O Colexio de Arquitectos retoma a publicación da revista Obradoiro

O número 35 da histórica cabeceira, que volta logo de 13 anos, céntrase nas paisaxes

Este mes de outubro viu o relanzamento dunha publicación histórica no noso país. A revista Obradoiro do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) iniciaba o día 10 unha nova etapa logo de trece anos de pausa. A cabeceira, nada en 1978, "foi un referente continuo na difusión dos valores e achegas da arquitectura galega á cultura, ao territorio e á sociedade", segundo salienta a entidade que a publica.

O COAG adianta que esta nova xeira ten garantidas como mínimo tres entregas ata 2027, integradas baixo o lema Prospectivas. Deste xeito, cada un dos números achegarase ás "constantes ontolóxicas" da arquitectura, é dicir, a paisaxe, o urbanismo e os materiais.

O número 35, que agora ve a luz, céntrase no tema das paisaxes e conta con coordinación de Manuel Bouzas, María Fandiño, Roi Salgueiro e Teresa Sánchez. O mesmo "sitúa o deseño da paisaxe no centro da práctica arquitectónica, explorando como os espazos naturais se transforman baixo a man humana. Desde montes comunitarios ata infraestruturas verdes urbanas". Así a entrega "mergúllase nas paisaxes galegas como patrimonio vivo e fráxil, ameazado polo cambio climático e as prácticas extractivistas. Unha lectura imprescindible para quen deseña o futuro, coida o presente e entende que a paisaxe é arquitectura total".

Artellado en áreas que abordan a paisaxe como proxecto, produción, identidade, comunidade, límite e adaptación, o número combina entregas máis teóricas, como "A paisaxe é a arquitectura total", a cargo de Isabel Aguirre e o equipo editorial, "A paisaxe galega en mosaico" de Juan Rivas ou "Cara a unha nova gobernanza para a xestión sustentable do territorio", que asina a Fundación RIA, con contidos específicos.

Así, dá conta de proxectos como o acondicionamento do castelo da Rocha Forte, a recuperación dos baños do San Xusto ou o acondicionamento da contorna do faro de Estaca de Bares, e atende a cuestións como a paisaxe da enerxía no río Eume ou a paisaxe do viño no Salnés e na Ribeira Sacra, entre outras propostas.