O público xa pode votar nos Premios da Industria Musical de Galicia

Ábrese o prazo para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia nestes novos galardóns

Os novos Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais veñen de abrir a fase de votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público nesta primeira edición dos galar´dons. Con este galardón preténdese recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible. Nesta categoría, a audiencia é a que conforma o xurado que decidirá o proxecto que merece este recoñecemento. O público poderá votar a súa candidatura ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través dun formulario web (link ao pé da noticia). Só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura.

Ademais deste Premio á Excelencia na Experiencia do Público, que será elixido por votación popular, os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, anunciaron hai dúas semanas as iniciativas e persoas nomeadas no resto de categorías. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. En paralelo, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia.