Preto de corenta proxectos musicais galegos aspiran aos Premios MIN

Abriuse o prazo de votación do Premio do Público e os demais galardóns decidiranse por xurados

A 17ª edición dos Premios MIN da música independente organizados por UFi (Unión Fonográfica Independiente), ven de dar o pistoletazo de saída facendo pública a lista completa de candidatos ás súas 21 categorías e abrindo o período de votación popular ata o 4 de marzo para determinar o Premio do Público. Este será o único galardón que nesta ocasión poderá ser condicionado polo voto popular, xa que o resto das categorías nesta ocasión serán determinadas, en cada unha das fases de selección por xurados compostos de profesionais da industria musical. A representación galega de entre as candidaturas está conformada este ano por case corenta proxectos musicais. Entre os que se presentan ao Premio do Público máis de trinta artistas ou formacións galegas poden xa ser apoiadas co voto a través da web dos premios. Nomes como Carme López, Belem Tajes, Bala, Hugo Guezeta, Catuxa Salom, Ortiga, Malkeda, The Rapants, Loita Amada ou Pava entre outros moitos está nesa lista ademais de ter candidaturas noutras categorías.

Entre as candidaturas galegas hai algúns artistas que xa teñen triunfado previamente nos Premios MIN e optan de novo a iso. É o caso de Baiuca, gran triunfador da pasada edición, que co seu novo disco 'Barullo' (Raso, 2024) opta a sete premios; ou Carlangas que xa previamente co proxeto Novedades Carminha conseguira algún destes galardóns e agora presenta tamén candidatura en sete deles con 'Bailódromo Vol.1' (Virgin records), as mesmas que buscan o dúo Bala co disco 'Besta'. No relativo á categoría de Mellor Álbum en Galego, compiten nela nesta primeira fase artistas como o propio Baiuca; A Pedreira, con 'Basal' (Raso, 2024); Carmlela, por 'Vinde todas' (Nume, Urdime); Hugo Guezeta, con 'O noso tempo' (Playplan); Ortiga con 'Obra social' ( Raso, 2024); The Rapants, 'La máquina del buen rollo' (OFF Stage); Anxo Araujo, con 'Aprender a bailar'; Pauliña con 'Gallego is not dead' (Xonix Records); Cabodano, por 'ë mellor matarse' e Loita Amada con 'Rematou o simulacro'.
Ligazóns