Yun Ping Li faise co XIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Cinzia N Rojas obtivo o primeiro Premio da Organización que outorga o certame

Fotografía da serie huí jiā. Fonte: Outono Fotográfico
Fotografía da serie huí jiā. Fonte: Outono Fotográfico
O fotógrafo de orixe chinés Yun Ping Li foi declarado este 19 de outubro como vencedor da décima terceira xeira do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O certame que organiza a Asociación Outono Fotográfico recoñeceu o proxecto 回家 (huí jiā), no que este artista recolle a súa transición ao xénero masculino nunha serie de autorretratos.

Yun Ping Li, nado en China en 1998, foi adoptado en Euskadi e desenvolve a súa carreira en Madrid. O seu traballo céntrase na representación da identidade queer e racializada a través do autorretrato. A serie gañadora, que se pode traducir como "Volver a casa", amosa o tránsito do propio artista cara a unha identidade masculina. O autor protagonizará unha exposición monográfica, co seu propio catálogo, que se inaugurará en Lugo e desenvolverá unha itinerancia de ata dous anos por diferentes localidades e eventos de fotografía.

Canda ao galardón principal, o certame outorgou por vez primeira nesta edición o Premio da Organización. O proxecto Melting Glaciers da artista Cinzia N. Rojas foi o seleccionado para este recoñecemento "pola súa profundidade conceptual, sensibilidade estética e pertinencia temática nun contexto global marcado pola crise climática", segundo recolle o fallo. A serie protagonizará unha exposición da Sala Alterarte do Campus de Ourense entre novembro de 2026 e xaneiro de 2027, e contará coa publicación dun caderno monográfico.

O certame, que conta co apoio da Consellería de Cultura, da Deputación de Lugo e da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, recibiu un total de 226 proxectos presentados por 207 artistas de 39 países. Canda aos proxectos gañadores, o xurado seleccionou como finalistas traballos de Javier Clemente, Uschi Groos, Vicky Martin, Vítor Miranda e Hiro Tanaka. Xosé Manuel Buxán Bran, Daniel Moreira e Rita Castro Neves, Alexandre Souto, Eva Torres, Encarna Lago Gonzalez, Xabier Riomao, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves conformaron o xurado, que tivo como secretario a Pablo González Prieto.