O XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea vai para Glorianna Ximendaz

O Pazo de San Marcos, en Lugo, acollerá en decembro a exposición do seu proxecto Orixe

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Fotografía do proxecto Orixe de Glorianna Ximendaz.

Fotografía do proxecto Orixe de Glorianna Ximendaz.

O proxecto fotográfico Orixe que aborda "o problema de abusos sexuais e violencia que asolou as mulleres da familia da autora, incluíndo a súa propia experiencia en primeira persoa" valeulle a Glorianna Ximendaz facerse co XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A organización do certame daba a coñecer na tarde deste 25 de outubro o fallo que recoñece esta creadora de Costa Rica.

O proxecto gañador "pretende recuperar as historias familiares que foron silenciadas, desde o empoderamento, a resiliencia e a denuncia" a través "de poderosas imaxes e a exploración de lembranzas pasadas". Segundo destacou o xurado do galardón, que convoca a Asociación Outono Fotográfico co apoio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a obra de Ximendaz "visibiliza o grave problema ao que se enfrentan as mulleres da América Latina, onde se enfrontan a estatísticas asombrosas de violencia de xénero e feminicidio".

Con este galardón, a autora verá producida unha exposición do seu traballo que itinerará durante dous anos ademais da edición e distribución do correspondente catálogo. O Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acollerá o vindeiro mes de decembro a inauguración da mostra correspondente a este galardón.

O xurado do premio estivo composto por Rita Ibarretxe, historiadora da arte, curadora independente e fotógrafa; Paulo Cacais, director artístico do festival Álbum, Carla Bacellar, codirectora do festival Encontros da Imagem, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico e mais o curador e profesor Vítor Nieves. Por parte das institucións patrocinadoras, paraticiparon Eduardo Ochoa, do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, e Eva Torres, Directora Técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense.

Ademais do galardón a Ximendaz, o xurado declarou finalistas desta xeira os proxectos presentados por Emiliano Dantas, Alvaro Deprit, Ana Núñez e Lisa Pram.

Que che parece esta nova?
64 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fotografía, Mulleres, Xosé Lois Vázquez, Deputación de Lugo...