Lara Dopazo, Cuarteto Quiroga e o programa Apego, entre os gañadores dos Premios da Crítica de Galicia 2025

Celebráronse este sábado en Vigo

Celebráronse este sábado en Vigo
Premiados e xurados nos Premios da Crítica 2025
Este sábado foron fallados en Vigo os 48 Premios da Crítica de Galicia, que nesta edición 2025 congregaron a setenta persoas como xurado para celebrar a creación e produción cultural galega en diferentes categorías. En Creación Literaria, o galardón recaeu en Contos gringos (Galaxia) de Lara Dopazo, pola forza e autenticidade das voces narrativas que renovan a tradición do relato galego. No eido das Artes Escénicas, Teatro de Ningures obtivo o recoñecemento por As gardiás, unha obra que reflexiona sobre o sistema residencial e os coidados na vellez. O Cuarteto Quiroga levou o premio de Música pola súa calidade interpretativa e proxección internacional, mentres que o galardón de Artes Plásticas foi para Chus Martínez polo seu labor curatorial en A Era das Fábulas, unha mostra que conectou xeracións e discursos no Museo de Pontevedra. O Premio de Cine e Artes Audiovisuais foi concedido a Manolo González, figura esencial na historia e consolidación do audiovisual galego, e o de Cultura Gastronómica ao CIFP Carlos Oroza, pola súa traxectoria educativa e compromiso co patrimonio culinario galego. En Cultura Dixital, o recoñecemento foi para o Festival Carballo Interplay, referente estatal e internacional da creación dixital en galego. O Premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para o programa Apego, pola súa contribución á transmisión interxeracional do idioma galego, e en Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, destacou o grupo CINTECX da Universidade de Vigo cun traballo sobre dixitalización e mantemento de pontes. Finalmente, en Ciencias Sociais e Humanidades, o galardón foi para As peregrinacións a Compostela de Xosé Miguel Andrade Cernadas, pola súa análise rigorosa e crítica das orixes, mitos e políticas actuais arredor do fenómeno xacobeo.