
O xurado recoñeceu a obra Unha aria no asedio, de Mariña Pérez a sinalar que "é un poemario cun código poético traballado e certeiro, que propón un transunto entre a arte, a lingua, a música e a vida mesma. Rico en imaxes e cun ritmo engaiolante que tensa o fío do principio ao fin coma unha arpa ben afinada que deixase múltiples notas para tocar cada milímetro do cosmos". Silvia Penas, Patricia Meira e Samuel Merino foron responsables da selección.
Pola súa banda, a obra Notas de Cereté foi a que lle valeu á madrileña Ángela Álvarez Sáez facerse co galardón en castelán. O xurado, formado por Manuel Bragado, Rexina Vega e María Xosé Porteiro, destacou da obra que "baixo a forma de diario, unha voz feminina indaga no suxeito poético contemporáneo, e dende unha perspectiva de muller explora a relación entre corpo e literatura".
Canda a elas, Mercedes Peón recibirá o Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía "pola súa traxectoria musical e creadora, polo seu labor como compiladora e transmisora do legado das mulleres anónimas que mantiveron vivo o canto, a música e o baile en Galicia". O fallo destaca tamén a súa "brillante carreira como compositora e intérprete, marcada por un espírito innovador que soubo conectar a tradición coa contemporaneidade, explorando novos camiños sonoros e expresivos dende unha clave profundamente persoal, comprometida coa sociedade e co feminismo". O galardón consiste nunha peza realizada ex professo polo artista Xabier Magalhães, así como unha figura de Oroza feita en bronce.
O certame, que conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, recibiu 120 traballos de Galicia, 488 do resto do Estado e 403 do exterior. A entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro 24 de outubro no Museo do Mar de Vigo, nun acto no que o dúo Cintaadhesiva porá a nota musical.