Premios Mulleres no Foco para Lucía Veiga, Beatriz Legerén e Silvia Fuentes

Os galardóns da Deputación de Pontevedra recoñecen o traballo feminino no audiovisual

Os galardóns da Deputación de Pontevedra recoñecen o traballo feminino no audiovisual
A cerimonia contou coa colaboración da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer; do conselleiro de Cultura, Jose López Campos; e do propio presidente provincial, Luis López, para entregar os premios
As profesionais do audiovisual Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes son as gañadoras da quinta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual e cuxos tres premios están dotados con 5.000 euros cada un.

As tres profesionais recoñecidas nesta quinta edición dos premios Mulleres no Foco foron seleccionadas por un xurado de entre dezasete candidatas. Beatriz Legerén é pioneira no ámbito dos videoxogos e contidos interactivos en Galicia, comprometida coa igualdade e a diversidade no sector e que compaxina o seu labor profesional coa docencia na Universidade de Vigo. Lucía Veiga, actriz, monologuista e presentadora de ampla traxectoria no cinema que suma nominacións de prestixio como a dos premios Goya; é presidenta da Academia Galega do Audiovisual. E Silvia Fuentes é produtora, versátil, con visión de futuro e comprometida cun xeito de facer cinema que pon o foco nos coidados, a diversidade e o traballo colaborativo. A cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música de Guadi Galego e Margarida Mariño, contou coa participación do presidente provincial, Luis López, así como das tres gañadoras destes galardóns e da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer, e a asistencia das dezasete nomeadas.