O CDG estrea no Porto a coprodución José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983

A proposta visitará tamén Lisboa e Compostela ao longo do vindeiro mes de decembro

A proposta visitará tamén Lisboa e Compostela ao longo do vindeiro mes de decembro
Ensaio de José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983. Fonte: CDG
O Teatro Municipal do Porto, acolle este 7 novembro na súa sede do Rívoli a estrea da nova montaxe coproducida polo Centro Dramático Galego. José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983. Con dirección escénica de Gonçalo Amorim, a obra inspírase nos históricos concertos de despedida que José Afonso ofreceu naquel ano en Lisboa e no Porto.

Segundo explica o CDG, o proxecto procura "capturar o seu espírito e a súa carga simbólica, transitando entre a biografía e a evocación colectiva para explorar as emocións e os ideais dese tempo". Na obra combínanse teatro, música e poesía nun relato coral sobre a amizade, a resistencia e a esperanza. A música do Zeca Afonso, serve de fío condutor "para unha reflexión sobre a memoria, o compromiso político e o poder transformador da arte", segundo explica a presentación do proxecto.

A dramaturxia correu a cargo de Lígia Soares, Marta Figueiredo, Miguel Cardoso, Rui Pina Coelho e Susana Moreira Marques, mentres sobre o escenario atópanse a galega Inés Salvado Gontad xunto a Catarina Chora, Catarina Carvalho Gomes, Mariana Leite Soares, Pedro João, Hugo Inácio, Josué, Saulo Giovannini e Teresa Costa.

Ademais do Centro Dramático Galego e do Teatro Municipal do Porto, o espectáculo conta coa implicación do Teatro Experimental do Porto, a Culturgest e o Cine-Teatro Louletano. Despois de dous días no Porto, a obra poderá verse en Lisboa do 11 ao 13 de decembro e no Salón Teatro de Santiago de Compostela o día 16 do mesmo mes.