Estrea galega da montaxe do CDG 'Manuela Rey Is In Da House'

Esta coprodución luso-galega tivo a súa estrea absoluta en Portugal o pasado novembro

O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta semana o espectáculo 'Manuela Rey Is In Da House' cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense Manuela Rey (Mondoñedo, 1842 - Lisboa, 1866) que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, tivo a súa estrea absoluta o pasado mes de novembro no marco da sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo en Portugal.

O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, asina a dirección escénica e a dramaturxia desta proposta, na que a conexión galego-portuguesa se reflicte tanto na composición dos equipos artístico e técnico como na propia temática da peza. Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Estarán acompañados en escena pola arqueóloga do INCIPIT/CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo de 'Manuela Rey Is In Da House' complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II. A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e o propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada "a muller lirio", nada nunha casa de aldea de Mondoñedo en 1842 e falecida aos 23 anos na capital lusa.

Unha historia con misterios e rumores
Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde Manuela Rey triunfou no Teatro Nacional Dona María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia 'A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe'. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.