Estréase en Galicia a montaxe 'Na hora dos cans'

É unha coprodución galego-luso-francesa de centros de ensino dramático e teatros públicos no marco do proxecto europeo Nós/Nous.

É unha coprodución galego-luso-francesa de centros de ensino dramático e teatros públicos no marco do proxecto europeo Nós/Nous.
Desde hoxe e durante a fin de semana o Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego, acolle a estrea galega da obra 'Na hora dos cans', unha cocreación da dramaturga galega Ana Carreira, o director portugués Nuno M. Cardoso e o equipo do proxecto europeo Nós/Nous. A obra estreouse en Oporto o pasado día 6 de xuño. Trátase dunha coprodución do CDG cos teatros Théâtre de Lyon, Teatro Nacional D. Maria II, Teatro Nacional São João e catro escolas superiores de arte dramática no marco da edición 2024 do proxecto Nós/Nous. A rebelión e o porvir son as ideas-chave do espectáculo, inspirado nas vivencias das participantes: alumnado da ESAD de Galicia, a ENSATT de Lyon, a ESMAE do Porto e a ESTC de Lisboa. A través desta iniciativa, con financiamento do programa europeo Erasmus+ K2, afóndase no intercambio teatral entre Galicia, Portugal e Francia, promovendo a profesionalización e a internacionalización do alumnado.

O elenco artístico está conformado por Alejandra Quijano Jordan, Aléxia Mengas, Ângelo Castro, Catarina Só, Noemi Pardo, Rita Couceiro Pinto, Théo Verdier, Vasco Paixão. Partindo da concepción pesimista sobre o porvir da xuventude, a peza aborda unha audaz reflexión arredor da rebeldía e a liberdade e convida o público a participar da experiencia. O tema de partida para o espectáculo teatral 'Na hora dos cans' é a pesimista concepción da sociedade sobre o porvir da xuventude, argumentada, entre outros, por aspectos económicos e sociolóxicos. Tamén impera a consideración, non exenta de prexuízos, de que as persoas novas carecen do impulso rebelde que se esperaría de quen comeza unha vida autónoma. O libreto explora como quizais non estean faltas deste impulso e, ante as frustrantes expectativas de futuro, respondan con parálise ou agresividade ou combinen ambos segundo se lles presenten as perspectivas. As preguntas qu plantexa o espectáculo están aí: Que podemos pedir a quen lle concedemos un peor porvir do que os seus pais tiveron no seu momento? Que pensa a xuventude das súas opcións?. A estrea terá lugar este venres ás 20:00 horas e haberá función o sábado co mesmo horario e o domingo ás 19 horas. Entrada de balde, retirando o convite no despacho de billetes o mesmo día da función.
Ligazóns