O CDG entra na Unión de Teatros de Europa

A inclusión dá impulso á estratexia de internacionalización da profesión teatral de Galicia

A inclusión dá impulso á estratexia de internacionalización da profesión teatral de Galicia
Representación de 'A burra, a mesa e o pau' do CDG
O Centro Dramático Galego acaba de incorporarse á Unión de Teatros de Europa, integrada por 25 membros de 16 países, entre os que se atopan unha ducia de teatros públicos de primeiro nivel, como os italianos Piccolo Teatro di Milano-Teatro d’Europa e Teatro di Roma-Teatro Nazionale, Teatro Nacional São João do Porto en Portugal, Teatros da Cidade de Praga na República Checa, Teatro Nacional de Luxemburgo, Teatro Nacional do Norte de Grecia en Tesalónica ou o Teatre Nacional de Catalunya. A adhesión do CDG foi aprobada pola asemblea xeral desta rede en recoñecemento á calidade, traxectoria e compromiso coas artes escénicas da compañía institucional da Xunta, que lle dá así un novo impulso á súa estratexia de internacionalización da dramaturxia e da profesión teatral de Galicia. A asociación foi fundada en 1990 e impulsada por Giorgio Strehler co obxectivo de fomentar o intercambio profesional e artístico, ao tempo que promover unha Europa culturalmente aberta.

Presidida polo director Gábor Tompa, a Unión de Teatros de Europa articula a súa actividade arredor de tres eixos principais: desenvolver colaboracións internacionais; preservar, transmitir e renovar o patrimonio teatral europeo, e impulsar proxectos innovadores que primen a diversidade cultural, o diálogo e a reflexión crítica con especial atención á inclusión, á igualdade e á sustentabilidade. A incorporación do CDG á Unión de Teatros Europeos ábrelle agora novas oportunidades de creación, difusión e colaboración internacional, que sitúan Galicia no mapa teatral europeo. A participación nas iniciativas desta asociación posibilitará, por exemplo, o intercambio con compañías de prestixio, o acceso a coproducións internacionais ou a inclusión en redes escénicas de formación e innovación. Servirá tamén de plataforma para unha maior visibilidade da dramaturxia e a creación escénica de Galicia, consolidando a vitalidade e a diversidade da cultura galega cunha voz propia no contexto europeo.