Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
A fórmula da orquestra de verbena chega ao público infantil
Xénero:
| 24 / 5 / 2017Unha formación de músicos recoñecidos que interpretan grandes éxitos de bandas de onte e de hoxe. O formato que estamos habituados a ver nas orquestras de verbena chega agora, por vez primeira, á música infantil galega. A produtora Urdime estrea nas festas da Ascensión de Compostela A Pequena e Grande Orquestra, unha formación que conta con Carliños Freire á batería, Pablo Vidal no Contrabaixo, Javier Costenla no piano, Benxamín Vázquez á guitarra e as voces de Sabela King, Javi Gradín e Nerea Bello. Como repertorio, "as referencias da música infantil mundial de todos os tempos" coa música infantil galega como eixo. Segundo explica a propia produtora, "partiremos do repertorio de música infantil máis tradicional, pasando polos grandes éxitos que acompañaron nos 90 a toda a xeración Xabarín, e continuando o percorrido polos grupos musicais que nos últimos 15 anos teñen agromado no País e que xa neste momento son seguidas por fans miúdos alí por onde pasan".
Os Bolechas presentan un libro-CD-DVD con Monoulious DOP
Xénero:
| 23 / 5 / 2017Un novo conto dos irmáns mais populares do país, un DVD co concerto dos personaxes co grupo Monoulious DOP, un videoclip do primeiro single e un código de descarga das cancións en formato dixital. Estes son os contidos de Chis Pum!, o novo traballo da colección Os Bolechas que mestura literatura, música e audioviual e que ve a luz da man de Bolanda. En total son dez temas que inclúen títulos como Xa están aquí os Bolechas, A cidade máxica, Esta é a nosa casa ou Ghominola. O concerto gravouse no pasado Nadal na Cidade da Cultura e foi emitido pola CRTVG.
As Maimiñas festexan a súa Volta, revolta e reviravolta
Xénero:
| 27 / 4 / 2017Logo da viaxe polo mundo que propuñan no seu primeiro libro-CD, o dúo As Maimiñas volta a casa para o seu segundo traballo. Volta, revolta e reviravolta convida a revisitar, de xeito soñado aqueles "lugares distantes e marabillosos que deixaran atrás na súa primeira viaxe". En total, 18 novos temas nun novo libro disco ilustrado de novo por Patricia Castelao e que ve a luz da man da Editorial Galaxia. Segundo explica o dúo na presentación deste proxecto, "os nenos e nenas son nesta ocasión o fío conductor, sendo eles quen guían As Maimiñas nesta Volta, Revolta e Reviravolta, e da súa man trátanse tamén temas transversais, como son os medios de transporte ou a igualdade interracial". Deste xeito, Lucía Lago e Irene Álvarez están a presentar o novo disco cun espectáculo no que buscan unha maior participación do público e no que contan cun maior soporte audiovisual. A Feira do Libro de Compostela acolle este sábado 29 a vindeira presentación, cun concerto ás 19:00 horas.
A Gramola Gominola volve con Cancións para desafinar
Xénero:
| 6 / 4 / 2017Xusto cando se fan dous anos do seu primeiro álbum, A Gramola Gominola presentaba cun concerto no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 1 de abril o seu segundo lanzamento. Cancións para desafinar achega trece novos temas nos que a banda máis rockeira para o público familiar explora diferentes estilos, desta volta arredor do rock. Surf-rock, punk, rock, gospel, hard-rock, funk, latin-rock ou rockabilly atópanse en temas como Canción para desafinar, a A Fábrica de Carmela, Pita Récords ou A Avoa Fina e o seus "tres ferrados de forza". Iago Romero corre coas ilustracións do libro-CD que publicar Galaxia dentro da súa colección Sonárbore. A Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolle o 5 de maio o vindeiro concerto do grupo, que continuará xira por Ourense o día 21 do mesmo mes.
Urdime leva os sons galegos para crianzas á FETEN de Xixón
Xénero:
| 8 / 2 / 2017Un único espectáculo representará a produción escénica galega para crianzas na Feria Europea de Artes Escénicas para Nenas e Nenos (FETEN). Xixón acollerá entre o 12 e o 17 de febreiro a vixésimo sexta xeira deste evento, no que participan 77 compañías estatais e internacionais escolleitas entre máis de 700 propostas. A cooperativa Urdime é a responsable de levar ao encontro Sueños de música, un espectáculo musical para os máis novos nado a partir do éxito de Sons Miúdos. Segundo explica a compañía "trátase de dar a coñecer fóra de Galicia os traballos de artistas tan consolidados como Magín Blanco, Paco Nogueiras, Gloria Mosquera, Xoán Curiel e Teatro Ghazafelhos, entre outros. Unha aposta por abrir novos públicos e presentar un formato de gran calidade como é 'Sueños de Música' cun elenco de artistas cunha ampla traxectoria nas artes escénicas e musicais dirixidas ao público infantil e familiar". Os asistentes á feira poderán ver a montaxe o 16 de febreiro ás 19:30 horas no Teatro Jovellanos.
Pablo Díaz amplía a súa fórmula con Tic tac toc
Xénero:
| 3 / 1 / 2017Con todas as entradas vendidas anda estes días Pablo Díaz a presentar Tic tac toc, o seu cuarto disco. De novo os máis pequenos protagonizan este libro-CD que sae da man de Galaxia na colección Sonárbore. Temas como No San Xoán, Queremos galego, O mundo máxico de Antón ou Señor gato amosan a capacidade de Díaz de explorar novos ritmos. Folclore de diferentes lugares do ritmo mestúrase con ska, country ou rock nos distintos temas para os que Díaz se acompaña dunha banda na que participan nomes como Olga Kirk, Diego Barral, Antón Díaz, Carlos Freire e colaboracións puntuais dos irmáns Tinaquero, Xabier Díaz ou Tito Calviño, todo envolto nas ilustracións de Almudena Aparicio.
María Fumaça trae Aire co seu novo disco
Xénero:
| 15 / 12 / 2016Dezaoito novos temas cheos de "ganas de divertírmonos xuntos, cantar e bailar ata rebentar". Esta é a proposta que fai o proxecto Maria Fumaça con Aire, a súa terceira entrega discográfica que está xa á venda na colección "Sonárbore" de Galaxia. O libro-CD, que mantén as ilustracións de P. Pastor, inclúe un DVD con vídeos dos temas e achega "unha invitación a entrar no universo do noso maquinista Ruí, nos seus xogos, no seu mundo rico, imaxinativo e diferente, a entendelo por riba de todo e a respirar o mesmo aire", segundo explica a presentación do álbum. Uxía Senlle, Sergio Tannus, Magín Blanco ou Santi Cribeiro capitanean un equipo que suma máis de 30 persoas en escena, con nomes como Tatán, Andrés Giráldez, Antonio Castillo, Raquel Domínguez, Pablo Ces, Oli Xiráldez, Chus, Ana, Manola ou Ruí. Esta mesma mañá, o CEIP compostelán Lamas de Abade acolle unha presentación pública do proxecto. A primeira parada ao vivo será Ourense, onde o Auditorio Municipal acollerá un concerto o vindeiro 18 de novembro, Vigo seguirá na xira o 28 de decembro e a Illa de Arousa o 4 de xaneiro.
Migallas celebra vinte anos de carreira coa reedición de Canta connosco!
Xénero:
| 8 / 11 / 2016Hai vinte anos o grupo pontevedrés Migallas publicaba Canta connosco!, un traballo pioneiro na música para cativas e cativos en galego. Agora, para conmemorar esas dúas décadas, o dúo lanza unha reedición daquel traballo. Da man de Kalandraka Editora, o álbum chega en formado libro-CD-DVD, karaoke incluído, con ilustracións de Óscar Villán. Como na primeira versión, doce temas achegan ritmos do máis variado, a incluír música tradicional, rap, rock, cumbia, reggae ou pasodobre, con temas que fixeron danzar xa a varias xeracións de crianzas.
Almudena Janeiro musica os libros de OQO editora en Máis contos en cantos
Xénero:
| 3 / 10 / 2016Logo do éxito de Contos en cantos Almudena Janeiro volve adaptar e pórlle voz e música ás historias da editorial OQO. O libro-CD Máis contos en cantos acaba de ver a luz da man da propia editora cunha selección de temas que exploran os máis variado estilos. Desde o reggae de A máscara do león á polca con Maruxa ou o corrido mexicano de A voda do Galo Pinto. O proxecto conta cunha capa Borja Gerrero e reproduce ilustracións dos diferentes libros que se adaptan.
Títeres, música e teatro únense en O bigote de Mimí
Xénero:
| 2 / 5 / 2016Continúan as actividades arredor de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Desta volta, Luís Vallecillo encabeza, canda á Banda do Cuberto a adaptación escénica do conto O bigote de Mimí. Un espectáculo no que se mestura música, monicreques e teatro relata a historia do gato Mimí, "quen padeceu as consecuencias dunha pésima decisión. Dende a perspectiva do gato cando xa é vello as cousas vense diferentes e involucrará a todo un grupo de música para que lle axude a contar polo mundo adiante as súas peripecias". A Casa-Museo Manuel María colabora neste proxecto e editou xa unidades didácticas para facilitar o seu emprego nas aulas.