Ir ao contido directamente.


DEVALO refresca o pop co seu terceiro disco

Xénero: Pop | 26 / 4 / 2024

devalo_azul.jpg

DEVALO, ou o que é o mesmo David Miranda, ven de sacar un novo traballo longo, o terceiro do seu percorrido, "Azul vindeiro” (Ferror Records, 2024). A súa proposta de pop sen complexos, refresca o xénero sen renunciar a influencias e colocando o seu son no marco do indie de finais do século XX e principios do XXI, pero non por iso soando antigo, senón ao contrario como unha renovación enerxética e unha evolución natural por un camiño que xa non son moitos artistas os que o percorren sen complexos e acadando un produto de total actualidade. Na parte da composición e a gravación o artista admite unha intención de espir as cancións, en comparación cos anteriores discos nos que o son estaba composto a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. Neste caso "Azul vindeiro" conta segundo Miranda cunha menor superposición de elementos: "A miúdo aparecen varias melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, mais deixándose espazo en vez de formar capas de son.

O Teatro Colón acollerá o Concerto das Letras do Consello da Cultura

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 4 / 2024

image not available

O Grupo Instrumental Siglo XX, a formación de música contemporánea máis antiga de Galicia, protagoniza baixo a dirección de Florian Vlashi a décimo cuarta edición do Concerto das Letras, co que o Consello da Cultura galega homenaxea cada ano as personalidades homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. O Teatro Colón da Coruña albergará o vindeiro 16 de maio, a partir das 20.30 horas, esta actividade que evoca a faceta musical de Luísa Villalta cunha presenza destacada de violíns, instrumento da protagonista da celebración, e cunha selección dos seus compositores favoritos.

Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música

Xénero: Miscelánea | 25 / 4 / 2024

image not available

As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acollían na noite deste 24 de abril a festa de finalistas dos XI Premios Martín Códax da Música, que organiza a asociación Músicas ao Vivo. Na mesma déronse a coñecer os nomes dos 45 proxectos, tres por categoría, que aspiran a facerse cun galardón na gala que se celebra o vindeiro 15 de maio en Pontevedra.

O XVIIº Festival Pórtico do Paraíso ofrecerá concertos en Ourense, Castro Caldelas e Cea

Xénero: Antiga | 19 / 4 / 2024

image not available

O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso celebrará a súa 17ª edición do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska. O festival que leva o nome desta peza do catedral ourensá está organizado pola Asociación Pórtico Musical e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial, pero non co do Concello de Ourense.

Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2024

image not available

Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).

Danza 3 chegará a 18 concellos na súa nova edición

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2024

image not available

A música e o baile tradicional que propón o programa Danza 3 achegarase este 2024 a un total de 18 concellos ata o vindeiro mes de setembro. A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba este 12 de abril a duodécima edición do programa, que protagonizan un ano máis as formacións Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Pauliña aposta polo idioma con perspectiva punk no seu cuarto disco

Xénero: Fusión | 11 / 4 / 2024

Paulinha_Galegoisnotdead.jpg

Oito temas rápidos e metralladores, cada un no seu estilo e coa súa mensaxe conforman o novo traballo longo de Paula Chaves, coñecida artísticamente como Pauliña, 'Galego is not dead' (Xonix Records), un título e unha portada con referencias punks dos Exploited, os Sex Pistols confirmadas na letra do tema 'Crime e castigo' e outras que teñen que ver máis con The Clash noutros temas. O cuarto traballo da artista chega tres anos despois do seu anterior traballo longo 'Testemuñas' (Xonix records, 2021), tempo no que co seu proxecto estivo moi presente en festivais e dando concertos por toda a xeografía. De novo para a composición Pauliña conta con Paco Montoto e Lolo Arincón, membros fixos da súa banda. Eles asinan sete dos temas con ela, agás o que pecha o disco 'Detective Conan' versión dunha canción do ánime xaponés do mesmo título. O repertorio do novo traballo inclúe as sonoridades entre o rock and roll, o ska e outras mesturas que son habituais nos discos da de Cambados. As letras sempre afiadas, rápidas e contundentes serven para explorar as posibilidades da voz da artista. O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Embaixada da musica galega en Lorient

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2024

image not available

"A mocidade dos países celtas" é o lema arredor do que se constrúe este 2024 o festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. A súa edición número 53 comezará o 10 de agosto e ata o día 18 reunirá na cidade bretoa un compendio de músicas dos países e as culturas unidas pola identidade celta. A representación da música galega correrá a cargo de diferentes artistas e proxectos que van desde as formacións de corte máis tradicional eos artistas consolidados ata as novas promesas e interpretacións máis avanzadas. Neste caso a lista está encabezada por Carlos Núñez, ben coñecido nesas terras bretoas, que acudirá a Lorient a presentar o seu novo disco e espectáculo 'Celtic Sea'. No programa estarán tamén as agrupación tradicionais Rebulir de Ramirás en Ourense e Banda de gaitas Arume de Malvas, en Tui, así como a proposta contemporánea do trío Caldo. Como é habitual algúins dos músicos máis prometedores da gaita estarán nesta cita que reúne a especialistas de todo o mundo nese instrumento. Por Lorient pasarán Manu Seoane, María López e Pablo Seoane. Tamén estará representada a puxanza das cantareiras e a pandeireta, grazas a Laura Iglesias Buján, que participará do Interceltique Music Camp, durante o festival.

O OurenSound Fest deixa Ourense por desencontros co concello

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2024

image not available

A organización do festival Ouren Sound Fest ven de facer público nun comunicado a súa decisión de sacar do concello de Ourense a súa vindeira edición a celebrar do 23 ao 25 de maio. Así, a pouco máis dun mes para a súa celebración e cun cartel xa presentado e abonos xa á venda desde fai meses, o festival trasládase desde as instalacións previstas en Bemposta ata o concello de Pereiro de Aguiar, no que as actuacións de pago terán lugar dentro do Complexo Deportivo de Monterrei, mentres que as de balde celebraranse na Praza da Capilla, no centro da localidade. A radical decisión ven motivada, segundo a organización, polos "desencontros e falta de entendemento entre concello e produtora". O festival, que ten patrocinios da Xunta de Galicia e da deputación Provincial, asegura crear co seu evento un retorno económico de máis de 700. 000 euros e máis de 250 postos de traballo. A organización sinala que seguirá habendo conexión co novo recinto desde o centro de Ourense, que por outro lado non está moito máis lonxe que o anterior, iso si, nun concello que segundo eles, acolle ao festival "cos brazos abertos" poñendo "todas as facilidades para poder levalo a cabo". O festival ten un cartel xa confirmado con numerosos nomes da escena musical galega e presentan esta edición como a máis ambiciosa ata o momento.