Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Xoel López publica o seu novo disco 'Caldo Espírito'
Xénero:
| 11 / 10 / 2023Xoel López presentou a pasada semana o que é o seu décimo sexto álbum, 'Caldo Espírito' (Esmerarte 2023), un disco que entre os seus once novos temas inclúe unha canción no noso idioma 'Xiana', pechando o disco. O álbum xa está dispoñible nas plataformas dixitais ademais de en formato físico (CD ou vinilo). O lanzamento deste traballo chega acompañado da estrea do videoclip do tema "Mágica y Eterna" e a única presentación prevista de "Caldo Espírito" terá lugar o 29 de novembro no WiZink Center de Madrid.
Francisco Castro publica o seu primeiro traballo musical
Xénero:
| 25 / 9 / 2023O escritor e ex-director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) saca hoxe á luz o seu primeiro traballo discográfico. "Agora é o tempo" é o título co que Castro nomea este traballo discográfico que xa está á venda e que presentará en concerto o vindeiro 28 de outubro no Teatro Salesianos de Vigo contando co acompañamento da Banda dos Borges . O disco, publicado baixo o selo Awanta Producciones S.Coop. Galega, conta na produción con Federico Welicki e, segundo o propio autor, foi gravado entre Vigo, A Estrada, Madrid, Los Ángeles, Buenos Aires e Seattle. Segundo a descrición que acompaña á presentación, a súa música "gravita arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética". Trátase de letras e músicas "para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada", aseguran. Segundo explica o autor nas súas redes sociais son cancións que "explican quen son, como sinto, e que quero do mundo. Saíron das tripas", afirma Castro.
Xoel López presenta disco en directo do concerto ' X Aniversario Atlántico'
Xénero:
| 1 / 8 / 2023O concerto na Coruña co que Xoel López celebrou o pasado ano o décimo aniversario do seu primeiro disco en solitario Atlántico( 2012) ven de converterse nun novo disco na súa carreira. O artista presenta estes días ' X Aniversario Atlántico' (Esmerarte) en todas as plataformas, un disco directo que recolle os temas interpretados naquel concerto de conmemoración. O lanzamento sae acompañado do vídeo correspondente á canción 'Hombre de ninguna parte' coa que abre o disco no que ofrece ata 12 temas. Xoel é tamén noticia porque ven de presentar fai unhas semana a canión "Fort Da", primeiro adianto do seu vindeiro disco de estudio 'Caldo Espírito' que se estreará o vindeiro outono.
CARLANGAS sube aos escenarios co seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 27 / 4 / 2023O FIV de Vilalba acollerá esta fin de semana a actuación de Carlos Pereiro presentando o seu proxecto en solitario como CARLANGAS tras a disolución de Novedades Carminha. O músico santiagués sacou o pasado día 20 de abril o seu primeiro disco longo co nome do seu proxecto CARLANGAS e na discográfica coa que xa traballaba coa súa anterior formación, Ernie Records. Nove temas pop, de curta duración bailables e lixeiros, con retrousos doados, conforman este traballo de Carlos Pereiro que mantén liñas de conexión coas derradeiras gravacións de Novedades Carmiha, moi vencelladas ao baile e mesmo á verbena, pero explorando agora miras aínda máis amplas e relaxadas que as do grupo co que acadou grande sona. O disco conta ademais con tres colaboracións especiais, remarcando a establecida con Manu Chao no tema "Cae la noche", que pecha o álbum. Ademais tamén están Grande Amore e a banda viguesa Mundo Prestigio dando presenza ao hip hop galego na canción "O día que volvín nacer", a única en galego do disco. Nos concertos de CARLANGAS serán Mundo prestigio quen acompañe a Carlos sobre o escenario.
Ataque Escampe volven de a cabalo do pasado en Cabalgata
Xénero:
| 18 / 4 / 2023Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampe, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá tras da dupla saída en 2018 de "Ídolos adolescentes (2007-2011)" e "A vida dos animais (2012-2018)" e de varias mudanzas na formación. O fío principal do novo disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, "como espazo inesgotable que nos interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas claramente perceptibles con sonoridades dos anos 80 e 90, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar "Cabaliño lento", o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda.
Filloas xa vai polo seu segundo traballo en menos dun ano
Xénero:
| 14 / 4 / 2023Aínda non fai un ano que saía o seu primeiro disco longo como FILLOAS, e xa temos aquí o novo traballo do artista vigués Iago Galego Ferreiro, co explícito nome de "O Segundo Disco xd" e de novo distribuído pola plataforma A Regueifa 2.0. Malia a escasa marxe entrambos lanzamentos a comunicación do novo disco asegura que con el o proxecto de Galego "chega á súa maioría de idade", presentando estes dez novos temas gravados nos estudos composteláns Garaxeland. O certo é que hai diferenzas nas sonoridades deste novo disco e o anterior, no sentido dunha sofisticación respecto ao que xa se amosaba no primeiro álbum, un paso máis que dá consistencia ao seu estilo. As melodías electro-pop e synth-pop bailables conforman o núcleo duro do disco incluíndo ritmos urbanos e querencia guitarreira, sobre un libreto de letras de ton existencialista e desencantado que, segundo comunican, "provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral", contando situación cotiás relacionadas con sentido do humor co desamor, as inquedanzas sociais, a cultura pop e, por riba de todo, unha sensación de frustración persoal provocada, segundo din polo "día a día da vertixe capitalista". O primeiro tema de lanzamento, "Cando estás durmida", chega acompañado dun videoclip que reivindica a amizade coma perfecto remedio contra a ansiedade existencial.
Igloo volven con "Planes para días grises"
Xénero:
| 16 / 3 / 2023Case seis anos separan o novo disco longo de Igloo, "Planes para días grises" (Ernie Records), do anterior, "Aquellos maravillosos daños" (Ernie Records, 2017). Este estreado traballo, que fai o sétimo nos 18 años de percorrido da banda de Caldas de Reis é o froito, como moitos, da etapa do confinamento forzado e xa foi avanzado desde entón con tres cancións adiantadas (Aniversario, Los amantes mariposa, La distancia entre dos puntos). Tres anos de preparación tivo a saída deste álbum cos seus once novos temas traballados ata o detalle e que consolidan un estilo característico da banda presente en todos os pasos da súa evolución disco a disco desde aquel inicial álbum homónimo Igloo ( Junk records, 2005) no que a banda apostaba por un son máis alternativo, ruidoso e escuro que foron pulindo cara a un estilo máis luminoso e achegado ao pop, sen perder a profundidade as referencias intelixentes e o intimismo reflexivo das letras de Beni Ferreiro, unha constante da banda. O disco gravouse en Metropol Studios (Madrid) por Isaac Rico contando na produción con Juanma Latorre (compositor de Vetusta Morla).
Berto presenta "SINTO"
Xénero:
| 7 / 12 / 2022Xa está dispoñible nas plataformas dixitais "SINTO", o segundo disco longo da traxectoria en solitario de Alberto Mira, 'Berto' (ex-Verto). O artista presenta neste disco un rexistro musical moito máis dirixido ao baile que no seu intimista primeiro traballo " Viaxe ao espazo interior"(2021), sen renunciar a letras tamén cargadas de profundidade, reflexión e, sobretodo, en coherencia co título do disco escrito en maiúsculas, sentimentos intensos. Trece cancións conforman este disco do que algunhas delas xa foron avanzándose, comezando por "Bágoas de cocodrilo". Polo medio entre ambos disco o artista foi rpesentando aoutros temas e un EP, 'Bailar chikito', en colaboración coa pontevedresa Marinha Paz. A rtista é unha das colaboracións tamén no novo traballode Berto, xunto con ela o disco conta coas achegas de Guadi Galego, Ash Diz, Sleepy Spice, Fillas de Cassandra e Nía Twee. Para este "Sinto", Berto recoñece no seu son as influencias non escondidas de artistas como Rosalía, Dualipa ou The Weekend. Músicas urbanas que o mesmo transitan por un electro-pop, como entran en cadencias do disco funk, a electrónica urbana, o trap e outras sonoridades inseridas nunha actitude vitalista que dá cohesión a todo o traballo. Berto acturará este domingo no Teatro Colón dentro do programa da final dos Premios NARF da Deputación da Coruña.
Seso Durán busca a transcendencia con 'Ascensión'
Xénero:
| 30 / 11 / 2022Seso Durán iniciou a súa carreira musical nos anos 90 como integrante e compositor no grupo folk Liorna. Tras 10 anos afastado dos escenarios, durante os que centrou a súa actividade profesional na docencia da música, en 2017 debutou en solitario co disco "Son da Memoria" que revisaba o terror vivido en Galicia tras o golpe de 1936. Este ano Durán presentou un novo traballo, "Ascensión" (Inquedanzas Sonoras, 2022) co que marca o inicio dunha nova etapa na que Durán explora temáticas máis achegadas á actualidade. A través dos dez cortes do álbum, o artista tira de letras comprometidas que falan de cuestións relevantes e preocupantes do mundo actual: a violencia de xénero, a soidade no mundo das redes sociais, o estrés da vida dixital, o amor incondicional, a crise ecolóxica, etc. O título do álbum xorde dunha reflexión moi persoal de Durán que expresa así: "Ser humano é aburridísimo. Dalgunha maneira precisamos elevarnos: pirámides, rañaceos, relixións, récords deportivos, followers… Non abonda chegar a ser quen es. Queremos transcender, expandirnos, porque sabemos que non imos durar; nin nós nin nada do que fagamos". O disco está dispoñible en plataformas e pode adquirirse tamén a través da editora.
Blanco Palamera espallan 'INTIMIDADE' co seu novo disco
Xénero:
| 4 / 5 / 2022Despois das 'Promesas'(Raso estudio, 2019) coas que acadaron atención e boas críticas ao dúo compostelán Blanco Palamera xa lle tocaba dar algo máis aos seus seguidores, que non son poucos. 'INTIMIDADE' (Raso estudio , 2022) así, con maiúsculas, é o seu segundo traballo co que pretenden deixar claro en que consiste a proposta do "novo pop". Manu Blanco e Xoán Domínguez presentan en 11 cancións un repertorio cálido de melodías elegantes con texturas sensuais entre o funk, o tropicalismo, a electrónica, o groove e o R&B. Temas sempre con carga de intimidade, coherentes co título do álbum, e honestidade, que xogan co murmurio como proposta vocal e que ofrecen pílulas musicais que van dos menos de dous minutos de 'Adentro' ou 'Con los Angelitos', un arrolo, aos case seis minutos de 'Cando duele', co que pechan este traballo. A 'INTIMIDADE' de Blanco Palamera atoparase xa co seu público este mesmo 13 de maio na sala viguesa La Fábrica de Chocolate e o día 4 de xuño en Santiago, xogando en casa, na Sala Malatesta. O disco editado por Raso estudios está dispoñible tamén nunha edición en vinilo.
REPORTAXE

Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos