Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario

'ESTëREO ESTRADA' ESTá NAS PLATAFORMAS E O ARTISTA DEFéNDEO EN DIRECTO CADA MéRCORES EN VIGO

Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario

POP | agosto 6, 2024

eladio_estereo_estrada.jpg

O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.

En 'Estëreo estrada' Santos ofrécenos once novas cancións compostas durante estes pasados 4 ou 5 anos, máis ou menos os mesmos transcorridos desde a gravación e lanzamento do último traballo asinado con Los Seres Queridos, aquel "Academia" (2020) saído cando a pandemia facía moi complicadas as presentacións en directo. Tras más de 30 anos de carreira Eladio avanza na súa marca sonora, a súa voz intimista e a súas letras, ás veces emocionais e ás veces cheas de reflexión social inundan este novo traballo de produción impecable. Segundo un comunicado do propio artista os temas deste disco aluden á "necesidade humana de fantasía, do inhumano ritmo dos mercados que padecemos na era da información, de amparo e desamparo, e de amor e morriña". Catro temas en galego afianzan a capacidade letrista na nosa lingua do músico que no seu momento sacou adiante aquel 'Cantares' (Esmerarte, 2016) co que recuperou para o pop galego unha selección de temas alleos ou populares. Para a gravación deste traballo a soidade de Eladio complementouse coas colaboracións de Andrés Cunha, Cora Velasco, Gala Santos e Ari Magritte, para a gravación de coros voces ou algúns dos instrumentos.



datos do disco