Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario

EN 'O NOSO TEMPO' O RAPEIRO EX-SONDARúA CREA UNHA OBRA DE REFERENCIA

Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario

HIP-HOP | novembro 22, 2024

O-noso-tempo-cover.jpg

O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".



O ex-lider de Sondarúa xa foi avanzando algúns dos 14 temas que compoñen este disco que desde hoxe pode escoitarse ao completo en plataformas dixitais. Aínda que o disco representa a súa faceta de control en solitario sobre o traballo final, non por iso o artista deixa de estar acompañado grazas ás colaboracións da súa antiga banda SondaRúa, dos Dakidarría ou de outras artistas como Temible Olivia, Nadie González, Willow GHZ, dj ThatBass e o músico Arón Ferreiro, ademais da presenza en todo o disco da achega cohesionadora do beatmaker e produtor musical Peter Petrowski (Pedro Iglesias). O proceso compositivo de 'O Noso Tempo' comezou a finais do verán do pasado 2023, partindo dun bloqueo creativo importante que Hugo comezou a disolver no momento que se meteu no estudo a gravar con Peter Petrowski.



Ao longo dos catorce temas deste 'O Noso Tempo' queda clara a calidade de Hugo como letrista rimador, cun magnífico dominio da lingua, sobre unha base musical do máis variada e ecléctica que pode levarnos do intimismo de 'Sono (Outro)' ou 'Toleira' ata os himnos como 'Bum Bum!' ou os cortes máis bailables como 'Non te creo' ou o que da título ao disco 'O Noso Tempo'. O disco, que xa é unha das obras de referencia do rap en galego deste ano, conta xa con tres datas de presentación anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro en Mos (Sala Rebullón), o 19 de decembro na Coruña (Sala Mardi Gras) e o 21 de decembro en Santiago de Compostela (Sala Sónar). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar comezo a unha xira que se espallará por todo 2025. O disco xa pode encargarse en pre-venda a través de Inquedanzas Sonoras en formato CD.


datos do disco