Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
O Ciclo Coa Nosa Voz reúne a catro representantes da canción de autora
Xénero:
| 22 / 5 / 2024O domingo 2 de xuño, e xa cun confirmado cheo total, Guadi Galego abrirá o ciclo Coa Nosa Voz, que cada domingo do mes levará ao Teatro Colón da Coruña a unha artista representativa da 'canción de autora'. A área de cultura da Deputación promove este ciclo que acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse de balde, na páxina web de ataquilla.com.
Silvia Penide renova o seu compromiso coa música en "Mientras dure el aplauso"
Xénero:
| 27 / 7 / 2023Silvia Penide cumpría anos este pasado día 26 de xullo e aproveitou o momento para facer a presentación do seu novo traballo discográfico que é, nas súas propias palabras "resumo de vida e de compromiso". Con este disco a artista de Arteixo celebra neste 2023 dúas décadas sobre os escenarios e faino co seu primeiro traballo discográfico publicado en vinilo e de edición limitada, "Mientras dura el aplauso". Neste peculiar álbum de cor blanca, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero, do que só aparecerán nas tendas 250 exemplares numerados a man pola propia Silvia, os seus seguidores poderán escoitar algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria, interpretados na compaña de outros músicos aos que admira da escena musical galega e española. Contén ademais un tema inédito, entre os dez que o conforman, titulado "El colchón y el diván". Con "Mientras dura el aplauso" Silvia Penide renova o seu compromiso coa música, condicionado, iso si, a que soen os aplausos da xente que a segue e vai aos seus concertos.
Antía Muíño coloca a súa "Carta aberta" nas listas
Xénero:
| 13 / 12 / 2022A santiaguesa Antía Muíño, recente premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, debuta en solitario co disco "Carta aberta" (Raso estudios, 2022). Con este traballo publicado en novembro xa conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo. Muíño, que se iniciou musicalmente na música tradicional galega, transita hoxe polos sons que van do jazz, a bossa nova, o flamenco e o folk pop, sen renunciar ás sonoridades de raíz galega e cun maioritario uso do noso idioma nas súas composicións como cantautora. As súas cancións, cunha fundamental base acústica, outorgan protagonismo á súa voz, un dos puntos fortes da artista a máis da súa capacidade compositora. Antía Muíño, reside en Donostia en Gipuzkoa, onde se levou a cabo a gravación do disco en Lezoti Estuidoa e o pasado foi seleccionada dentro do proxecto de apoio a artistas emerxentes Katapulta Tour Gipuzkoa 2021.
Sés publica hoxe o novo álbum 'Diante un eco'
Xénero:
| 25 / 11 / 2022Xa pode escoitarse en plataformas dixitais o novo traballo de María Xosé Silvar 'Sés' do que xa se adiantará algún tema como "Cantan as balas". 'Diante un eco' é o título deste oitavo álbum da artista, que ofrece unha ducia de temas fieis no concepto ás súas características máis definitorias, actitude combativa, letras comprometidas e críticas, con perspectiva feminista e política e cunha forza que non admite filtros. De feito, neste novo disco a contundencia faise máis eléctrica e roqueira do habitual en moitos dos temas, incluíndo o de adianto ou o que dá nome ao álbum. O título do disco fai referencia á concepción cíclica da historia, que a autora ve presente na deriva sociopolítica actual. Ademais seguindo esa liña o traballo preséntase como unha volta da cantautora aos seus inicios, desde o oficio dunha carreira de once anos e a madurez.
Raúl Diz homenaxea a Florencio Delgado cun álbum monográfico
Xénero:
| 10 / 5 / 2022Cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022, compoñen De Córgomo a Fair Oaks. Raúl Diz, membro de Os Amigos dos Músicos, asina este proxecto en solitario que vé a luz baixo o selo Todomedre e A Regueifa 2.0, e foi masterizado por Tomás Ageitos nos estudos A Ponte. Diz acompaña a súa voz con guitarras acústicas en melodías sinxelas que desenvolveu con fins didácticos.
O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
Xénero:
| 28 / 1 / 2022A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.
Homenaxe a 'Narf' en Boiro
Xénero:
| 23 / 9 / 2021A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.
Unha 'Mareira' de sons e palabras
Xénero:
| 6 / 7 / 2021A cantautora Bea A de Estrella lanza o seu proxecto Mareira, que toma o seu nome dun mar axitado e no que se mesturan diferentes formas de expresión artística ao redor da música. A coruñesa ven de abrir unha campaña para levar a cabo a edición dun libro disco e produción dun vídeo no que xa conta coas colaboracións, ben na parte musical ou na literaria, de nomes como Pablo Milanés, Rosa Aneiros e Yolanda Castaño entre outros. O novo proxecto da cantautora de Culleredo volve ofrecer na parte musical melodías de son cubano, tango, notas de blues, jazz, pop e a fusión do son máis tradicional con outros estilos e letras líricas moi persoais, como xa fixera no seu primeiro traballo discográfico, Már de fóra (2016). Neste caso ademais engade a poesía e a narrativa grazas a esoutras dúas mulleres, Aneiros e Castaño para publicación desta 'Mareira' en busca de financiamento popular que será libro-disco e un vídeo, e que tamén conta coas voces de coñecidos artistas da escena coruñesa coma Paris Joel, Tato López, César de Centi, Emilia Arija ,Inés Suárez, Taté Morales ou Montse Candal e os arranxos de Tato López na parte musical. Outras colaboracións incidirán na parte gráfica do proxecto a través do deseño, a ilustración e a fotografía.
ARiMagritte preséntase en disco longo con 'Oráculo'
Xénero:
| 24 / 6 / 2021A viguesa Arancha Vilas asina música co nome artístico ARiMagritte desde 2013, unha traxectoria asentada tanto en directos como artista residente nas salas El Contrabajo e La Fábrica de Cocolate coma noutros espazos, ademais de en múltiples e valiosas colaboracións con outras formacións, como Eladio y Los Seres Queridos, Denova Pop ou Molsom. Oráculo (autoeditado) é o seu primeiro disco e xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais ademais de á venda a través da web da artista. Máis que un LP unha colección de sinxelos, Oráculo reúne os trece temas máis importantes da traxectoria de ARiMagritte desde que iniciara o seu proxecto musical, polo tanto aqueles que veñan seguindo os seus directos neste tempo atoparán no disco unha gravación detallista e impecable daqueles temas que xa lles soarán. Para este disco ARiMagritte conta coa produción elegante de Eladio Santos para os seus trece temas. Son cancións de formato acústico nas que a autora nos propón entrar nas feridas propias e universais, de amor e desamor e coñecernos máis a nós mesmos a través deses pasos. Ari, facendo un xogo de confusión entre a obra e realidade coma os que facía o pintor surrealista Rene Magritte, co que comparte nome, ofrece un traballo en Oráculo que asenta sobre un xogo de equilibrios entre eclecticismo e personalidade, entre a suavidade da voz e a enerxía da música, entre as letras íntimas e a mensaxe universal.
Morre Xerardo Moscoso, antigo membro de Voces Ceibes
Xénero:
| 24 / 5 / 2021O médico e dramaturgo Xerardo Moscoso, un dos fundadores do movemento Voces Ceibe, falecía este domingo 22 de maio en Coahuila, México, aos 76 anos de idade. Moscoso, que sumou as secuelas da Covid-19 a unha longa enfermidade previa, acompañara a súa actividade profesional na medicina cun intenso labor cultural vencellado durante anos ao teatro e mais ao ámbito cinematográfico. Fillo de galegos emigrados, Moscoso estudou a carreira en Santiago de Compostela e, en 1968 participou da creación do colectivo Voces Ceibes, que marcaría o desenvolvemento da música galega.