Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Ciclo Coa Nosa Voz reúne a catro representantes da canción de autora
O Ciclo Coa Nosa Voz reúne a catro representantes da canción de autora
maio 22, 2024
O domingo 2 de xuño, e xa cun confirmado cheo total, Guadi Galego abrirá o ciclo Coa Nosa Voz, que cada domingo do mes levará ao Teatro Colón da Coruña a unha artista representativa da 'canción de autora'. A área de cultura da Deputación promove este ciclo que acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse de balde, na páxina web de ataquilla.com.
Segundo indica a deputación, este ciclo nace para poñer en valor a 'canción de autora', "conscientes da calidade que hai nestes últimos anos, que non se corresponde coa cantidade de espazos que hai para exhibila" sinalou a deputada de cultura, Natividade González. "Queremos visibilizar a canción de autora en galego, celebrar a diversidade, a calidade e o talento de mulleres como elas, que nos enriquecen, nos ensinan e levan a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música por escenarios de todo o mundo". Guadi Galego, que ven de recoller o Premio Martín Códax da categoría de canción de autor/a, xa ten o aforo completado para a primeira cita presentando o seu proxecto 'Síntese Horizonte'. Continuarán o domingo 9, co de Uxía e o seu traballo 'Santa liberdade: un soño compartido'; o día 23, ás 19h, co de A Pedreira e 'Basal', e rematarán o día 30 coa artista máis nova e recente na escena galega, Antía Muíño, e o seu último álbum, 'Carta Aberta'.