Raúl Diz homenaxea a Florencio Delgado cun álbum monográfico
maio 10, 2022
Cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022, compoñen De Córgomo a Fair Oaks. Raúl Diz, membro de Os Amigos dos Músicos, asina este proxecto en solitario que vé a luz baixo o selo Todomedre e A Regueifa 2.0, e foi masterizado por Tomás Ageitos nos estudos A Ponte. Diz acompaña a súa voz con guitarras acústicas en melodías sinxelas que desenvolveu con fins didácticos.
Segundo explica o compositor, proxecto xurdiu no marco do seu labor como docente. "O que quería era ter unha canción por nivel educativo, de maneira que o alumnado puidese aprender, interpretar e xogar un pouco cos poemas mediante a música. Como proxecto final está a idea de montar un pequeno festival no que os diferentes grupos mostren as súas interpretacións das cancións". Compostos en só tres semanas e gravados en dous días, os cortes adaptan os poemas Ao reiseñor, de 1923 e inédito ata 1999, e as pezas Liorta, Miudezas, Matanza, Dores do agro e Aí vén o maio do poemario Bebedeira (1934).
O músico anuncia un vindeiro sexto tema, "ás cinco cancións que compoñen o álbum haberá que engadir nun futuro A malla" que non chegou a tempo para o disco "pois o arranxo esixía técnicas e recursos de gravación que excedían as miñas posibilidades". Segundo apunta o autor, "a poesía de Florencio Delgado Gurriarán é moi variada e decidín escoller poemas curtos, que fosen amenos para aprendelos rápido, que tivesen un vocabulario non moi complexo e que permitisen xerar melodías recoñecibles e cantables. De aí a escolma, que ten un carácter moi popular, no que aparecen elementos da natureza ou dos traballos do agro".