Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Sheila Patrícia presenta 'Epifanía'
Xénero: | 23 / 12 / 2025
Sheila Patricia ven de presentar estes días en concerto o que é o seu novo traballo discográfico de longa duración, o terceiro, 'Epifanía' (Xeitosa Producións). Para a artista trátase dunha volta ao esencial, que coloca de novo no centro o acústico: a guitarra, a voz e esa maneira tan súa de contar a nivel interpretativo, algo máis afastada das bases electrónicas que no seu anterior disco 'Orixe' (2022). Cun sentido de transformación e renacemento a artista fai deste traballo un punto de inflexión persoal reflectido a través dos dezaseis temas que conforman o álbum. A súa voz, potente e coidada, bebe do imaxinario colectivo da tradición oral e da forza das mulleres que a precederon. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais e o pasada sábado en Santiago de Compostela deu comezo a súa presentación en concerto. No escenario constrúe presenza, corpo e carácter, facendo do empoderamento feminino algo real e palpable, non un adorno. Nesta nova etapa, Sheila móvese entre capas: o máis íntimo e orgánico convive coa exploración sonora, coa improvisación e mantén un certo xogo coa electrónica. As historias de Sheila Patricia son historias de mulleres, da súa avoa e das avoas que configuran a vida e da fortaleza feminina que é o seu legado. Actualmente investiga na mestura con sons máis actuais e electrónicos, pero conservando a esencia to acústico, cun traballo tributo á cultura galega.
Malpica acolle o simposio sobre as cantareiras polo Día das Letras Galegas
Xénero: | 21 / 11 / 2025
A Real Academia Galega (RAG) ponlle o ramo ás celebracións do Día das Letras Galegas dedicado á poesía popular. Malpica, localidade natal de Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas no último 17 de maio, acolle o día 22 de novembro o simposio As cantareiras e a poesía popular oral, co que a RAG quere afondar na tradición recoñecida neste 2025.
Fransy González presenta as súas recollidas tradicionais cun novo formato en 'Manhe'
Xénero: | 20 / 11 / 2025
A conxunción da herdanza musical das cantareiras a música de cámara e o saxo soprano nun espectáculo que é unha homenaxe á raíz, así preséntase 'Manhe'. A artista arteixá Fransy González, pandereteira e cantareira, leva toda a vida recollendo a música das aldeas e ensinándolla a outros como mestra. Con 'Manhe' da un paso á fronte na súa carreira, facéndose acompañar por máis de vinte músicos dunha gran orquestra de corda e contando co saxofonista Pedro Lamas, que é responsable dos arranxos e da dirección musical. A voz de Fransy e as músicas de tradición oral recollidas ao longo da súa vida serán, con todo as grandes protagonistas neste espectáculo que terá a súa estrea este vindeiro domingo no teatro Colón da Coruña. Pasado e presente, memoria e creación, nunha posta en escena coidada e profundamente evocadora que reivindica e impulsa o legado das cantareiras que este ano 2025 está a afianzar o seu papel fundamental na música galega do pasado e do futuro. No mesmo acto poderá mercarse un vinilo de 7'' con tres dos temas do espectáculo
O novo disco de Tiruleque homenaxea os espazos urbanos de foliada
Xénero: | 6 / 11 / 2025
A formación coruñesa Tiruleque ven de sacar o que xa é o seu quinto disco de estudio 'Repichoca'. Precedido inmediatamente polo disco co que en 2021 celebraban a súa traxectoria de dúas décadas 'Tiruleque 20 anos no camiño', chega agora este novo álbum conformado por dez cancións e que procura evocar tanto as orixes da propia banda coma os espazos urbanos dedicados á música galega. Con ese duplo obxectivo, o traballo discográfico colle o seu título do nome dun histórico local coruñés desaparecido en 2021 que durante preto de dúas décadas actuou dende a rúa Orillamar como catalizador, canteira e escaparate para a escena da música galega da cidade herculina. Nese espazo consideran que naceu a formación e agora fanlle esta homenaxe á historia compartida deste grupo, deste xa mítico local e de toda unha xeración que medrou nas foliadas modernas e urbanas que se celebraron ao seu abeiro. O álbum, en definitiva, é unha chamada á festa, ao encontro e mais á memoria.
A Deputación de Pontevedra acolle unha exposición sobre o gaiteiro Ricardo Portela
Xénero: | 5 / 11 / 2025
A Deputación de Pontevedra abre ao público este mércores 5 de novembro ás 19:00 horas a exposición 'Ricardo Portela, inmorrente', comisariada polo tamén gaiteiro Óscar Ibáñez. A mostra é unha homenaxe a este gaiteiro referente na música tradicional, imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, e estará dispoñible ata o 21 de novembro no vestíbulo do Pazo provincial. Composta por oito paneis e varias vitrinas con material discográfico e persoal, así como instrumentos e vestiario de Portela, a exposición amosa a súa traxectoria vital ligada a Viascón, Vigo e Pontevedra. Ademais, a mostra tamén abrangue o seu desenvolvemento artístico e os seus traballos discográficos, así como a relación que mantivo con asociacións e entidades.
A AELG celebra a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral en Lugo
Xénero: | 24 / 10 / 2025
A tradición oral protagoniza a axenda da Cidade da Muralla ao longo desta fin de semana. A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega celebra este sábado 25 a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral e organiza, na tarde do venres 24, a gala na que entregará os Premios Mestras e Mestres da Memoria ao Equipo Chaira e mais a María da Vrea.
Baldomero Iglesias lanza o primeiro volume do Catálogo do Cantar de Cego Galego
Xénero: | 21 / 10 / 2025
Unha serie de ensaios a definir a figura das cegas e cegos cantores e unha proposta de catalogación dos xéneros que interpretaban. Esta é a proposta que realiza Baldomero Iglesias Mero no primeiro volume do seu Catálogo do Cantar de Cego Galego. A obra que se presenta no Museo do Pobo Galego ás 19 horas deste 21 de outubro é a primeira dun ambicioso proxecto que pretende recoller, catalogar e difundir este patrimonio.
A Universidade de Santiago e aCentral Folque homenaxean a Emilio Cao
Xénero: | 15 / 10 / 2025
O Paraninfo da Universidade de Santiago (USC) acolle ás 19 horas deste 15 de outubro a homenaxe Do vello Sinbad ao cantor da arpa. A institución académica, en colaboración con aCentral Folque artellan esta homenaxe ao músico Emilio Cao, pioneiro da arpa celta en Galicia falecido o pasado mes de maio.
Xabier Díaz e Luz Casal estarán no Festival intercéltico de Lorient
Xénero: | 16 / 7 / 2025
A 54ª edición do festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar na localidade bretoa entre o 1 e o 10 de agosto, inclúe no seu programa a artista convidados representando as diversas nacións celtas. No caso de Galicia a organización inclúe este ano as actuacións da cantante Luz Casal, Xabier Díaz (en solitario e en formato cuarteto), Lucía Comesaña, o grupo de baile O Fiadeiro e a Banda de Gaitas Herba Grileira. A edición deste ano do festival está dedicada a 'Os primos de América'.
Hércules de Ediciones presenta Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos
Xénero: | 25 / 6 / 2025
A libraría Cartabón de Vigo acolle este 26 de xuño a presentación de Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos. Moisés Quintas e Victoria Pérez explicaranlle ao público este lanzamento de Hércules de Ediciones arredor do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras.
novidades discográficas
Epifanía
Sheila Patricia
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


