Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Os Premios da Industria Musical xa teñen finalistas
Xénero: | 21 / 10 / 2025
A primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia ca ten finalistas. Estes galardóns de nova creación promovidos desde a Asociación Galega de Empresas Musicais, AGEM recoñecerán ata un total de 17 categorías, moitas delas de cariz técnico ademais de outras artísticas, dentro do complexo mundo da profesión musical. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios.
Loita Amada volve reivindicando que 'Resistir é vencer'
Xénero: | 17 / 10 / 2025
Coa frase 'Resistir é vencer', atribuída ao socialista e presidente na segunda república Juan Negrín, titulan o seu novo traballo longo a formación Loita Amada. Este é o terceiro álbum da banda estradense liderada por Jásper (ex-NAO) e chega dous anos despois do anterior 'Rematou o simulacro' (Loita Amada Records, 2023). Cunha pompa de xabón na portada a banda simboliza unha situación actual na que "medio mundo está en guerra mentres a outra metade mira para outro lado", din. Mantendo a súa actitude reivindicativa e de loita social, que inunda letras e melodías nos once cortes deste disco, a banda non dubida en ir directa a temas de controversia actual con nomes propios obxecto das súas críticas.
Lontras debutan co longo 'Caras no lume'
Xénero: | 26 / 9 / 2025
O trío vigués Lontras, formado por Juan Arca (voces, guitarras e outros instrumentos), Zalo Rodríguez (sintetizadores), e Sunil López (piano) debuta coa publicación deste disco 'Caras no lume' (Raso, 2025), que xa está dispoñible en plataformas dixitais. A través dos seus nove temas, moitos deles xa avanzados previamente, o trío móvese desde un marcado son indie-folk, con trazos de psicodelia e abrazando en varios deles as achegas electrónicas dos sintetizadores, mentres que noutros mantense no máis absoluto son acústico e intimista. As letras de Juan Arca, todas en galego, amosan unha intención autoral moi personalizada tamén á súa voz. Arca asina letra e música en todas as cancións, agás en 'Cinco fiestras' onde adapta un poema de Álvaro Cunqueiro. O disco gravouse nos estudios Garaxeland con produción a cargo de Juan Arca e Zalo Rodríguez. Para a gravación de outros instrumentos o trío contou con Rubén Iglesias (baixo); María Jorge (violín) e Clara Virseda (violonchelo).
'Carmucha VST' achega a percusión tradicional á produción musical
Xénero: | 12 / 9 / 2025
Lévase falando moito desde o mes de agosto da inminente saída de 'Carmucha VST', a ferramenta dixital para produción musical que ofrece as bases de percusión tradicional galega. Agora xa está en liña para descarga e pode comezar a usarse de xeito aberto e gratuíto. Pandeiretas, tamboriles, bodhram e pandeiros con distintos patróns rítmicos a xeito de anacos ou "samplers" que permiten a súa incorporación a producións de todo xénero ou a súa reprodución continuada para outros usos como as leccións de baile, por exemplo.No tempo coincide coa presentación do proxecto Lindisfarne Sample Pack, cun primeiro paquete de sons de pandeireta gravados por Xabier Díaz ao que seguirán outros para achegar a música tradicional galega a calquera produción musical.
O Festival de Poesía do Condado volve reunir en Salvaterra aos creadores contemporáneos
Xénero: | 29 / 8 / 2025
O Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra do Miño mantén a súa chama acesa e celebra a súa 37ª edición os vindeiros 5 e 6 de setembro. A cita co xénero lírico, complementada cunha oferta musical, reunirá na vila unha importante representación da poesía contemporánea que ten a lingua e cultura galegas como nexo de unión. Silvia Penas, Samuel Merino, Daniel Salgado, Nieves Rodríguez, Emma Couceiro, Aurora Abelairas, Silvia Mota, Paco Barreiro, Masha Álvare a O Leo Arremaghona conforman o cartel poético. Ademais dos recitais abertos, poderanse ver as actuacións musicais de Dakidarría, OMIRI, Hugo Guezeta, Cuarteto Caramuxo, Xosé Lois Romer & Aliboria e a Banda Xangai, liderada por Xurxo Souto entre outros.
Germán Prieto enfróntase ao Destino no seu segundo disco
Xénero: | 23 / 7 / 2025
Once cancións de pop, rock e indie, con temas en galego e en castelán conforman a variada aposta estilística de Destino, segundo álbum de estudio de Germán Prieto. O pontevedrés continúa así a carreira en solitario que iniciou en 2022 con Salto al vacío logo de participar en diferentes formacións da escena musical galega.
Xabier Díaz e Luz Casal estarán no Festival intercéltico de Lorient
Xénero: | 16 / 7 / 2025
A 54ª edición do festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar na localidade bretoa entre o 1 e o 10 de agosto, inclúe no seu programa a artista convidados representando as diversas nacións celtas. No caso de Galicia a organización inclúe este ano as actuacións da cantante Luz Casal, Xabier Díaz (en solitario e en formato cuarteto), Lucía Comesaña, o grupo de baile O Fiadeiro e a Banda de Gaitas Herba Grileira. A edición deste ano do festival está dedicada a 'Os primos de América'.
Cristian Silva avanza no seu estilo con 'Un home tranquilo'
Xénero: | 15 / 7 / 2025
Dez anos pasaron desde o seu disco de debut en solitario, 'Ego' (2015), e Cristian Silva ven de presentar un segundo álbum tras do que hai cinco anos intensos de preparación. O gaiteiro, acordeonista e percusionista de Carril recolle en 'Un home tranquilo' (Inquedanzas Sonoras, 2025) dez temas nos que arredor da gaita, a zanfona eléctrica ou da frauta, tece un lenzo no que a tradición busca os reflexos da contemporaneidade máis absoluta, deixando que o eléctrico e o acústico, o propio e o alleo, dialoguen sen constrición de xénero previa, introducindo bases electrónicas e instrumentos diversos. Como xa ofrecera no seu primeiro traballo, o músico deixa sitio para un pop-rock do estilo 'indie', sen perder de vista outras influenzas, sempre sobre a base da súa formación tradicional. Gravado entre Galicia e Madrid, para Un home tranquilo, Silva contou con músicos como Miguel Lamas, Niño Bruno, Pablo Pérez, Xosé Miguélez, Antonio Rodríguez, Adrián Saavedra ou Ana Fernández, e a colaboración especial do grupo de Caldas, IGLOO. O disco está dispoñible en plataformas dixitais, así como en fomatos físicosd e CD e vinilo. Silva presentará en directos este traballo o vindeiro 12 de outubro na Sala Capitol de Santiago.
Todo el Largo Verano volven para compartir un tempo de vagar
Xénero: | 10 / 7 / 2025
'Na noite máis curta' (Ferror Records, 2025) é o sexto disco longo de Todo el Largo Verano (TLV), o proxecto liderado por Alberto Amigo e que completan Carolina Rodríguez, Luis Paadin, Luis Blanco, Danny Abeledo, Elisa Sardiña, Camilo Fraga e José Carlos Iglesias "Joshua". O disco, escrito e producido por Amigo, créase conceptualmente a partir do tema que pecha o traballo, "Unha tarde no campo", e a súa idea é de celebración das noites de verán e do de vagar sinxelo e gozoso desta estación. Os trece cortes que o compoñen pódense dividir en catro momentos temporais: sesta, serán, noite e amencer. O disco foi gravado e mesturado en El Tercero por Amigo e en RRStudios por Danny Abeledo, onde tamén foi masterizado. A banda recoñece neste traballo as influencias das conacións de The Millenium, The Beach Boys, Belle & Sebastián, The Waterboys, The Beatles, Bob Dylan e Burt Bacharach entre outros. O son, moi apoiado nas cordas e incluíndo ruídos da natureza, para o que conta tamén co Cuarteto Morris, busca a explotar a capacidade máis evocadora cara as sensacións que quere transmitir. O traballo está dispoñible no formato físico en CD e tamén nas plataformas dixitais.
Carabela publican 'Club A Noite (REMIX)'
Xénero: | 7 / 7 / 2025
Case exactamente un ano despois de sacar o álbum 'A noite' (2024) e tendo gañado polo medio o XVI Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a área de cultura da Deputación da Coruña, a banda noiesa Carabela publica 'Club A Noite (REMIX)' unha recupración daqueles temas desde outra perspectiva. Nas súas sete pistas o grupo incide no carácter máis electrónico e rítmico para outorgarlle aos seus temas espazo nas pistas de baile techno, desde a confluencia coa música tradicional. O disco engade ademais numerosas colaboracións de outros artistas da escena electrónica galega, como RAWLA, Remora, ELBA, Midori ou Juait, deixando unha instantánea do bo nivel polo que na actualidade está a pasar o xénero no país, necesitado de espazos onde amosar todo este talento. Nos sete temas de 'Club A Noite (REMIX)' a banda sitúanos na escuridade das pistas de baile do techno e os seus subxéneros, coas cadencias tribais e as atmosferas cósmicas ás veces, hipnóticas outras, creando capa sobre capa un traballo cheo de sutilezas e potencia.


