María Fumaça trae Aire co seu novo disco
decembro 15, 2016
Dezaoito novos temas cheos de "ganas de divertírmonos xuntos, cantar e bailar ata rebentar". Esta é a proposta que fai o proxecto Maria Fumaça con Aire, a súa terceira entrega discográfica que está xa á venda na colección "Sonárbore" de Galaxia. O libro-CD, que mantén as ilustracións de P. Pastor, inclúe un DVD con vídeos dos temas e achega "unha invitación a entrar no universo do noso maquinista Ruí, nos seus xogos, no seu mundo rico, imaxinativo e diferente, a entendelo por riba de todo e a respirar o mesmo aire", segundo explica a presentación do álbum. Uxía Senlle, Sergio Tannus, Magín Blanco ou Santi Cribeiro capitanean un equipo que suma máis de 30 persoas en escena, con nomes como Tatán, Andrés Giráldez, Antonio Castillo, Raquel Domínguez, Pablo Ces, Oli Xiráldez, Chus, Ana, Manola ou Ruí. Esta mesma mañá, o CEIP compostelán Lamas de Abade acolle unha presentación pública do proxecto. A primeira parada ao vivo será Ourense, onde o Auditorio Municipal acollerá un concerto o vindeiro 18 de novembro, Vigo seguirá na xira o 28 de decembro e a Illa de Arousa o 4 de xaneiro.