María Fumaça presenta 'O veleiro verde'
novembro 28, 2019
O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el. Así, buscan unha maior contundencia sonora con "máis flow, ventos, metais, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradicional, marca da casa", aseguran. A dirección musical segue a cargo de Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante. No capítulo das colaboracións este libro-disco conta con varias importantes. O recoñecido actor e humorista Carlos Blanco compuxo e canta Estou plof, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. Ico (do grupo O Sonoro Maxín) pon a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en Fago o camiño. Alfonso Pato, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ás que pon música Chus Domínguez: A pita de Fita e A árbore de Manolo, dedicadas aos avós de Ruí. O veleiro verde iniciará o seu percorrer o próximo domingo 1 de decembro na carpa do Culturgal ás 17.30 horas.