Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Pakolas presenta o seu terceiro traballo en solitario
Xénero:
| 9 / 5 / 2023Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, antiguo componente da formación Mamá Cabra e parte de A Gramola Gominola, agora está a presentar en xira o espectáculo baseado no seu máis recente traballo en solitario, o libro-QR "A Ramona Pequena vai á lúa" (Ed. Galaxia). Este é o terceiro traballo que Pakolas saca en solitario e supón unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona, que xa protagonizara o anterior "Ramona Órbita a dona do tempo" en 2020. Pakolas, que se auto define como rockeiro e guitarreiro, ofrece neste novo traballo e espectáculo dez novas cancións de composición propia e tamén un conto ilustrado por Laura Romero Nos seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, cunha montaxe escénica e musical baseada no novo álbum, contando cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada no libro. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén de divertimento.
Magín Blanco publica "Caderno de cores e cancións"
Xénero:
| 17 / 4 / 2023O músico Magín Blanco (A Rúa, 1960) volve á actualidade editorial co seu novo libro-disco, publicado na colección Sonárbore de Galaxia, "Caderno de cores e cancións", ilustrado por Sonia García. Este libro supón o regreso do músico ourensán ás tendas de discos e librarías de Galicia logo duns anos de silencio. Este novo traballo veu precedido por un espectáculo co mesmo título que Blanco, acompañado de Pablo Vidal, presentou o pasado ano como proposta de dinamización en formato concerto-obradoiro como un espazo de interacción e intercambio co público para que, de forma colectiva, se creasen novas pezas, que agora se recollen na publicación. Todas as cancións que se inclúen neste libro-disco, accesibles a través dun QR que contén no interior, foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo, Vigo agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.
Unha nova xeración de Meniños Cantores volve tender a ponte musical nas beiras do Miño
Xénero:
| 2 / 12 / 2021Arredor de trinta anos teñen agora algunhas das crianzas protagonistas do primeiro volume de 'Meniños cantores' publicado en 2005, un proxecto baseado na música e compartido por centros de ensino das dúas beiras da fronteira entre Galicia e Portugal. Case dezasete anos despois, unha nova xeración ven de ser recollida no 'Meniños cantores. Volume 2' que foi presentado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega en presenza das entidades participantes, encabezada pola asociación Ponte.. Nas Ondas! (PNO!) impulsora do proxecto. Dezasete centros educativos de Galicia e Portugal participan nesta xeira do proxecto no que ademais outros tantos artistas de ambos países actuaron como padriños en canda un destes lugares para as gravacións das cancións escollidas, que representan un patrimonio musical compartido por unha comunidade que, como subliñou a presidenta do Consello da Cultura Galega, xa existía "antes de que houbera unha raia pintada no mapa".
Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’
Xénero:
| 26 / 11 / 2020Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e familiar, ven de sacar o que é o seu segundo libro-cd Ramona Órbita. A dona do tempo (Sonárbore , Editorial Galaxia) co que, axudado polas ilustracións de Laura Romero, e da man desta nova personaxe fai un percorrido polo tempo e a historia da humanidade contando e cantando a súa historia ao ritmo do rock. Ramona Órbita é unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Pasando as follas e escoitando as dez cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores.
As pitas baixo a choiva vólvese virtual para achegar as crianzas a Carballo Calero
Xénero:
| 13 / 5 / 2020Un libro ilustrado, varias cancións e un espectáculo de Teatro dos Ghazafelhos. As pitas baixo a choiva era a proposta de Edicións Embora e mais da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra para conmemorar ao longo desta primavera a Ricardo Carballo Calero, autor desta peza. Ante as dificultades derivadas da actual crise sanitaria para dar a coñecer o proxecto de xeito presencial logo da estrea do 23 de febreiro, as dúas entidades acordaron publicalo de xeito íntegro na rede.
María Fumaça presenta 'O veleiro verde'
Xénero:
| 28 / 11 / 2019O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el. Así, buscan unha maior contundencia sonora con "máis flow, ventos, metais, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradicional, marca da casa", aseguran. A dirección musical segue a cargo de Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante. No capítulo das colaboracións este libro-disco conta con varias importantes. O recoñecido actor e humorista Carlos Blanco compuxo e canta Estou plof, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. Ico (do grupo O Sonoro Maxín) pon a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en Fago o camiño. Alfonso Pato, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ás que pon música Chus Domínguez: A pita de Fita e A árbore de Manolo, dedicadas aos avós de Ruí. O veleiro verde iniciará o seu percorrer o próximo domingo 1 de decembro na carpa do Culturgal ás 17.30 horas.
O festival Miudo fest de música para cativos presenta o seu cartel
Xénero:
| 28 / 8 / 2019Malia que son algúns os festivais de música que engaden actividades para cativos, só existe un en todo o país que está pensado exclusivamente para esa xente estatura media e gustos propios, ese é o Miudo Fest, en Mos (Pontevedra). A cuarta edición deste festival xa ten cartel e terá lugar os vindeiros 14 e 15 de setembro (sábado e domingo) na Sala Rebullón do no Territorio Cultural As Pedriñas en Tameiga. Alí reuniranse algunhas das mellores ofertas musicais para cativos que a escena galega ten, e que demostran ademais a vitalidade desta opción musical no país. A Gramola Gominola é cabeza de cartel na tarde do sábado, compartindo escenario con A Banda dos Insectos, Antón Ke (ukelele de batea ) e o reggae de Elephants Yard. O domingo estarán o mago Marco e Cé Orquestra Pantasma.
Xoán Curiel presenta o libro-cd 'Canta, miña pedra, canta' dedicado a Antonio Fraguas
Xénero:
| 16 / 4 / 2019Cun título sacado dunha cantiga recollida preto da casa de Antonio Fraguas, Xoán Curiel presenta o disco Canta, miña pedra, canta (Sonárbore, 2019), un traballo dirixido ao público infantil e baseado na vida e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Curiel ofrece nas once pezas deste libro-cd un percorrido pola tradición popular recollida en Cantigueiro de Cotobade e tamén con letras creadas para que os nenos e nenas coñezan o mestre galeguista, inseridas en sons que presentan sons tradicionais e outros máis modernos. O disco gravouse en Gourmet Sound estudio e conta con moitas colaboracións nas voces e instrumentos como a de Sérgio Tannus que engade sonoridades do Brasil en dous temas, país traído ao libro porque o pai de Fraguas tivo que emigrar a el. Curiel non dá puntada sen fío e para cada tema do disco acha unha conexión co mestre Antonio Fraguas e a súa obra.
A Gramola Gominola presenta en Pontevedra o seu terceiro disco
Xénero:
| 5 / 4 / 2019No marco do XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o grupo A Gramola Gominola presenta este sábado 6 de abril o seu novo traballo de música infantil: BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ (Sonárbore, Ed. Galaxia). A banda de rock ofrecerá un concerto a partir das 19.00 horas no Pazo da Cultura para dar a coñecer e iniciar a distribución deste terceiro traballo da banda que gañou o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil, que se lle entregou no mesmo recinto onde mañá presentan este traballo. Segundo comunica a formación, o libro-disco, pon en valor ás Superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus superpoderes. As protagonistas de BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ, ilustradas por Iago Araujo, viven mil aventuras. A Megatronca, a Lebre Chouteira, a Superlingua, Paz, a Banda Pica Pica e moitas máis empregan os seus poderes para loitar contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións. A Gramola Gominola nace en 2015 como unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Trala estrea de Pontevedra, a banda presentará o novo proxecto o 21 e abril, ás 18.00 horas, no Teatro Colón da Coruña.
Magín Blanco leva A nena e o grilo máis aló no seu novo libro-CD
Xénero:
| 26 / 3 / 2019Logo de matar sen querer a Xertrude a Araña, os protagonistas aventúranse no Alén para rescatar a súa amiga. Este é o argumento de A nena e o grilo máis aló, último libro-CD de Magín Blanco que publica a editorial Galaxia. Blanco recupera os seus personaxes para unha nova aventura da que é unha das sagas máis exitosas da música galega para público infantil. Para alén das cancións, a obra inclúe tamén o texto da adaptación teatral que realizou Pepablo Patinho para Teatro dos Ghazafelhos sobre esta historia, que se atopa en plena xira. O espectáculo, que conta con música ao vivo. O volume complétase coas ilustracións de Luz Beloso.