Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’
Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’
novembro 26, 2020
Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e familiar, ven de sacar o que é o seu segundo libro-cd Ramona Órbita. A dona do tempo (Sonárbore , Editorial Galaxia) co que, axudado polas ilustracións de Laura Romero, e da man desta nova personaxe fai un percorrido polo tempo e a historia da humanidade contando e cantando a súa historia ao ritmo do rock. Ramona Órbita é unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Pasando as follas e escoitando as dez cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores.
Pakolas presentará o seu espectáculo Rockeando con Ramona Órbita, o día 29 de Novembro ás 12.00 h na nova edición do Culturgal 2020 no Pazo da Cultura de Pontevedra emitindo en liña dende o Auditorio. Coincide coa semana en que Pakolas lanza o seu primeiro vídeo clip, Betume e vendas canción ambientada no Exipto dos faraóns que forma parte deste novo libro-disco- O vídeo foi gravado na Sala Rebullón no CSCD As Pedriñas en Mos.