Pakolas presenta o seu terceiro traballo en solitario
maio 9, 2023
Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, antiguo componente da formación Mamá Cabra e parte de A Gramola Gominola, agora está a presentar en xira o espectáculo baseado no seu máis recente traballo en solitario, o libro-QR "A Ramona Pequena vai á lúa" (Ed. Galaxia). Este é o terceiro traballo que Pakolas saca en solitario e supón unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona, que xa protagonizara o anterior "Ramona Órbita a dona do tempo" en 2020. Pakolas, que se auto define como rockeiro e guitarreiro, ofrece neste novo traballo e espectáculo dez novas cancións de composición propia e tamén un conto ilustrado por Laura Romero Nos seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, cunha montaxe escénica e musical baseada no novo álbum, contando cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada no libro. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén de divertimento.
Na nova historia de Ramona Órbita a máquina do tempo lévanos á súa infancia, ao ano 1967 no Courel cando Ramona, con 6 anos, era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa que lía con paixón a Xulio Verne, o que lle espertaba a máis grande das curiosidades. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería máis grande que o Sol? Moitas personaxes entran nesta nova historia e no seu espectáculo rockeiro ao vivo, como a profe Lupe, ou a furona Nora. Con estas e outras personaxes Pakolas propón unha viaxe que nos ensina que a imaxinación non ten límites e a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade. O espectáculos poderá verse nos vindeiros días do mes en Rábade (Lugo) O Porriño (na Feira do Libro), Mos (dentro do Miudo fest), A Estrada, Xunqueira de Ambía e Vigo (C.C. Vialia). O Libro- QR está editado na colección Sonárbore de Galaxia editorial.