Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Trotaventos presenta o libro-disco 'A fiestra dos soños'
Xénero:
| 28 / 3 / 2018A fiestra dos soños é o título do novo libro-disco publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. O álbum ilustrado ofrece as letras de 13 temas que son cancións e son soños tamén. O traballo a cargo da compañía Trotaventos conta coas ilustracións e textos de Manuel Boquete para presentar os diferentes “soños” musicados por Ramón Feáns. Diferentes ritmos salpican o disco, desde sons balcánicos a bossa nova, polka, fado, etc. Para este temas ou “fiestras de soños” que chaman á imaxinación, recúrrese ás descricions de animais e cousas propias do campo como O Moucho, Espantallo, A vaca pinta ou Vacaloura, con sitio tamén para unha Nana e outros temas. Na parte musical a voz de Nadia Fonseca é a maís presente nos temas ainmda que tamén conta coa colboración de Eladio Santos nun dos temas e Ramón Vermejo. O disco foi gravado e mesturado por Ramón campos nos estudios Cormorán e pódese escoitar xa en plataformas dixitais.
Cancións que son receitas con Mamá Cabra en 'Eu cociño, ti cociñas?'
Xénero:
| 11 / 1 / 2018Gloria Mosquera Roel e Tomi López, compoñentes do grupo de música infantil Mamá Cabra asinan como autores o libro-disco Eu cociño, ti cociñas? (Sonárbore de Editorial Galaxia, 2017) que supón un dos novos espectáculos de Mamá Cabra. Música, teatralidade e alimentación xúntanse nesta proposta que parte dun proxecto do mesmo nome que se ven levando a cabo desde hai anos no CEIP Sigüeiro impulsado polas mestras María Salgado e Pilar Rivas e que amosa ás crianzas as virtudes da alimentación saudable feita por un mesmo. O libro-CD presentouse recentemente na feira Culturgal e ofrece un contido ilustrado por María Lires cheo de receitas e de cancións para que os pequenos e as pequenas da casa se acheguen sen medo á cociña cun ánimo e unhas bases saudables ao mesmo tempo que cantan e se divirten. A formación acaba de abrir tamén a súa propia canle en You Tube para facilitar o acceso aos seus vídeos.
Maria Fumaça bota un ollo atrás con As que máis molan!!!
Xénero:
| 10 / 1 / 2018A conmemorar cinco anos de traballo, o proxecto Maria Fumaça bota a ollada atrás e presenta o seu primeiro recompilatorio. As que máis molan!!! recupera temas dos seus tres traballos, Maria Fumaça, Xiqui xoque, fiú fiú! e mais Aire e complétaos con dúas cancións inéditas. Logo da presentación do álbum en Vigo o 23 de decembro e mais no Auditorio da Illa de Arousa o pasado día catro, o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acollerá o 27 de xaneiro o vindeiro concerto da xira deste proxecto no que participan Uxía, Magín Blanco ou Sérgio Tannus entre outros. A colección Sonárbore de Galaxia é reponsable unha vez máis novo libro-CD do proxecto.
Pakolas debuta en solitario co seu primeiro libro-CD
Xénero:
| 4 / 1 / 2018Paco Cerdeira, membro fundador de A Gramola Gominola, comeza carreira en solitario con Pakolas. A editorial Galaxia presenta na súa colección Sonárbore este libro-CD que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e que achega dez cancións orixinais ademais de varios contos. O proxecto propón historias fantásticas con elementos educativos que se complementan cunha serie de contidos pedagóxicos aos que se pode acceder a través da rede. Con animais como protagonistas de moitas das historias, o novo libro-CD "é unha obra musical e literaria concibida para facilitar o traballo dos profesionais da fala e da linguaxe, achegándonos material que servirá como ferramenta e complemento ao noso labor diario con rapazas e rapaces. Ao memso tempo é un traballo divertido, co que tanto nenos e nenas como adultos poderán gozar corando e bailando os seus temas, así como aprendendo coas súas historias e contos".
Magín Blanco convida pasear os seus Camiños
Xénero:
| 1 / 12 / 2017Trece novas cancións acompañadas de contos e poemas de Carlos Meixide, Víctor F. Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Anxos Sumai ou María Lado entre outros autores e autoras do país. Esta é a proposta que realiza Magín Blanco en Camiños, o seu novo libro-CD para público familiar. O volume de 68 páxinas, editado por Fol con ilustracións de Leandro Lamas, foi gravado no estudio Casa de Tolos. Unha variedade de ritmos acompañan temas líricos nos que se mesturan atmósferas electrónicas, rock ou coros de alumnos de primaria con colaboracións como as de Héctor Lorenzo ou De Vacas. Os textos da cancións son da autoría de Blanco, agás no caso de Paxariño novo, que adapta unha letra de Valle-Inclán. O músico presentará o seu traballo este sábado 2 de decembro ás 11:00h no Culturgal.
Paco Nogueiras lanza a súa particular emisora con Radio Bulebule
Xénero:
| 6 / 11 / 2017Logo do éxito de Brinca vai!, o que obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría Infantil, Paco Nogueiras presenta o seu novo traballo. O medio radiofónico inspira os doce temas de Radio Bulebule, un libro-CD-DVD que publica a editorial Kalandraka con ilustracións de David Pintor e uns videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo dirixindo que, unidos, forman unha curtametraxe. Os ritmos variados predominan nunhas cancións que se artellan como a grella de programación dunha peculiar emisora. Sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica teñen cabida, con cadanseu tema, neste proxecto.
Os nenos da vella e Máis boas cás patacas gañan Quero cantar
Xénero:
| 23 / 10 / 2017Unha gala no Teatro Colón daba a coñecer a noite do venres 20 de outubro os proxectos gañadores do II Certame Quero cantar, que organiza a Deputación da Coruña. O grupo coruñés Os nenos da vella fíxose co premio na categoría infantil co tema Quero xogar, unha peza orixinal composta polos tres compoñentes, Noa, Mikel e Yune en colaboración co seu mestre Javi. Na categoría xuvenil impúxose o conxunto Máis boas cás patacas de Teo, composto por oito rapazas que interpretaron o teama Son muller. Cada unha das bandas recibirá un premio de 1.500 euros para material musical e produtos culturais en galego e poderá gravar o videoclip do tema vencedor.
Volve Pitusa Semifusa para explorar os estilos musicais
Xénero:
| 26 / 6 / 2017Despois do seu primeiro disco, Olga Braña volve vestir a pel de Pitusa Semifusa nun novo libro-CD para o público máis cativo. Logo dun primeiro álbum no que exploraba diferentes instrumentos Pitusa Semifusa e os estilos musicais achega unha selección de temas na que este grupo explora xéneros como pop, blues, reggae, funk ou hiphop. Braña acompáñase nesta ocasión de Carliños Freire na batería, Pablo Vidal no baixo, Brais Morán na voz e guitarra, Marta Bravo na voz e Ana Pérez na voz e a facer animación ao vivo. Como na primeira ocasión, Leandro Lamas ponlle imaxe ao volume que edita Galaxia na colección Sonárbore. Logo da presentación a pasada semana en Santiago de Compostela, o vindeiro dous de xullo Ourense será a seguinte parada da xira.
A Banda dos Cueiros presenta libro-disco
Xénero:
| 21 / 6 / 2017A Banda dos Cueiros, o grupo de música infantil nacido das actividades de Espazo Lectura de Gondomar cun proxecto musical que se enmarca dentro do proxecto xeral de fomento da lectura da asociación, ven de presentar o seu libro-disco de título homónimo á formación. O grupo está formado por seis persoas: dúas delas cantan e fan coreografías, e as catro restantes fan coros, tocan a guitarra, o acordeón diatónico, frautas, clarinete e percusións. Aínda que nun comezo o seu repertorio se restrinxía a temas para bebés de 0 a 3 anos,pouco a pouco foron abrindo o espectro de idade e na actualidade as pezas que interpretan cobren un abano que vai dende os 0 ata os 7 anos, aproximadamente. O disco recolle temas de composición propia, versións actuais de melodías xa clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas da literatura infantil e xuvenil galega, reinterpretacións de cancións e ladadíñas da tradición oral. As pezas empregan basicamente o galego, pero tamén outras linguas como o portugués, inglés, italiano ou o alemán .
María do Ceo leva os poetas galegos ás crianzas no seu novo disco
Xénero:
| 7 / 6 / 2017Xosé Neira Vilas, Suso Vaamonde e a Carlos Casares son os autores cos que María do Ceo se achega á música para o público infantil. O Pazo de San Roque, en Compostela, acollía onte a presentación de Cancións para nenas e nenos, un libro-CD no que a cantora luso-ourensá achega trece temas. Gando galego, Trabalinguas polisémico, A galiña azul, Xesta doce, O cuco, Parabéns para ti, Bate a mar, Tres bolboretas, Babel, O inverno, Nana para arrolar ou Nunha folla de salgueiro preséntanse nunha edición que tamén inclúe as letras dos temas ilustradas por Amalia López Brea. No álbum, autoeditado, a cantante conta coa colaboración dos músicos Xosé Salgado e Álex Salgado.