Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Oviravai trae novas aventuras cantadas do teixugo Paio no seu segundo traballo
Xénero:
| 5 / 2 / 2019A banda de música infantil Oviravai presenta un novo libro disco co teixugo Paio como protagonista e as súas aventuras xunto aos seus amigos como liña argumental en 11 novas cancións. A colección Sonárbore de Galaxia saca Paio e o poder da música con ilustracións de David Ouro. A formación actual de Oviravai, que no seu primeiro traballo As andanzas de Paio presentábase como un grupo de catro membros, son Verónica Santalices e Federico Welicki. Para a gravación nos estudios Son feixón contaron con Suso feixón á batería, Diego Pacheco na guitarra e Carlos Gil Fandiño aos teclados. Ademais nos coros tamén estiveron Erika e Xacob Welicki. Nas súas novas aventuras Paio, xunto a novos amigos como o oso Aurelio ou o armadillo Armando, vai descubrir o poder da música e da amizade. As cancións mandan mensaxes educativas sobre o coidado do planeta, o acoso nas aulas, o trato coa terceira idade, a importancia do estudo e outras moitas mensaxes positivas ademais dunha canción dedicada a Rosalía de Castro, todas elas nun ritmo festivo e dinámico. O vindeiro 17 de febreiro actuarán no centro Comercial As Termas, de Lugo co novo espectáculo saído deste disco.
Ugia Pedreira e Pierrot Rougier presentan A Comuna del Barruzo
Xénero:
| 3 / 1 / 2019Dez cancións a retratar seres fantásticos da zona de Eo-Navia, xogos ou a relación coa natureza compoñen A Comuna del Barruzo. aCentral Folque presenta este libro-CD, primeiro en galego-asturiano para crianzas, que conta con cancións de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier e ilustracións de Mónica Justo. O proxecto emprega textos de poetas desta comarca como son Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez e conta con colaboracións como as de Quim Farinha ou Rosa Cedrón, a mesturar ritmos tradicionais de diferentes lugares do mundo con toques de música de cámara, reggae, ragtime ou pop rock.
Cé Orquestra Pantasma convida A voar
Xénero:
| 27 / 11 / 2018A Voar é o novo libro disco de Cé Orquestra Pantasma. O músico, coa colaboración de Cristina Ouro nas ilustracións e de Judit Santos no texto literario presenta a historia dunha xoaniña que "movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará, amosándonos que só a través do coñecemento dos valores universais seremos quen de a nosa vida mellorar". Nove cancións seguen unha historia que inclúe chamadas desde o libro cara ao disco. Ademais do CD, o volume inclúe un código para descargar os temas e un avión de papel para montar. O proxecto ve a luz da man da cooperativa Miudiño, que pon á venda de xeito anticipado o volume a un prezo rebaixado de 15 euros ata o vindeiro 30 de novembro. Segundo sinala a presentación do álbum, "A Voar pretende axudar aos nenos e nenas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre".
Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional
Xénero:
| 8 / 11 / 2018"Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar" é o lema co que se presenta Eu ben vin, virivín, o novo libro CD de Manuel Rico Verea. O volume presenta unha selección de rimas infantís de tradición oral, na súa maioría vencelladas a animais, que se recrean coa participación do Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado polo propio Manuel Rico e por Nani García. O Nani García Trío corre tamén coa instrumentación do proxecto, na que as melodías tradicionais se mesturan con arranxos de Jazz e que conta con Lucía Souto como voz principal, canda a Rico e a Clara Jelihovsky como convidada. O volume, editado por Xerais, achega ademais textos que presentan cada un dos temas, a falar do significado e cada un, acompañados da partitura correspondente e de exercicios sobre os mesmos. O CD inclúe ademais pistas para cantar en modo karaoke.
Luís Vallecillo musica contos clásicos en Cantamos?
Xénero:
| 25 / 9 / 2018Un audiolibro con cancións e pictogramas e mais un espectáculo escénico e musical compoñen Cantamos?, a nova proposta de Luís Vallecillo para o público máis novo. Textos de Celtia Figueiras e ilustracións de Blanca Millán danlle forma ao volume, un libro-disco no que se mesturan cancións con versións sonoras das historias e que inclúe contidos adaptados a persoas con discapacidades. No campo escénico, o propio Vallecillo, acompañado da monicreque Rosi, actúa como fío conductor para as historias. O Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso, acollerá o vindeiro 30 de setembro ás 12 horas a presentación oficial do proxecto, que ve a luz da man de Guindastre Edicións.
Charo Pita convídanos a pasear No país do vento
Xénero:
| 16 / 7 / 2018Logo de se estrear con Xoán Curial en Estamos no verán!!, Charo Pita inicia a súa carreira en solitario no campo da música para as crianzas. No país do vento, publicado por Galaxia na editorial Sonárbore achega unha serie de personaxes e de obxectos con cadansúa historia. A científica incorrixible, O pato Simón, As campás ou A familia papaventos danse cita nun libro-CD que conta con ilustracións de Óscar Villán. O proxecto, cun total de trece temas, conta ademais con material extra dispoñible no web de Galaxia.
Pablo Díaz continúa a súa carreira na música infantil e lanza Coas miñas mans
Xénero:
| 11 / 7 / 2018Da man da colección Sonárbore de Galaxia chega ás librarías o quinto traballo de Pablo Díaz. Coas miñas mans é un novo libro-CD, ilustrado desta volta por Lucía Cobo no que o músico se centra nas mans. "Empregamos as mans para comunicarnos, para escribir, para debuxar, para pintar, para contar, para sentir...", explica a presentación do álbum. A partir desta base, o músico desenvolveu cancións didácticas sobre números, vocais, cores ou comidas que alternan con cancións lúdicas sobre a primavera, os xogos, as mascotas ou festas como o San Froilán, ademais dunha adaptación do poema Chove en Galiza de Xosé María Díaz Castro. Un total de quince novos temas "para medrar con alegría".
Chuches Amil presenta os seus Monstros con ou sen consentimento
Xénero:
| 3 / 7 / 2018Unha colección de monstros do máis variado é o que nos presenta Chuches Amil no seu novo libro-CD. A colección Sonárbore da editorial Galaxia lanza Monstros con ou sen consentimento un volumen que nos presenta toda unha serie de personaxes peculiares. Lobos bos, robots, entes larpeiros ou estraños personaxes musicais danse cita na forma de cancións "para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar" acompañadas da ilustracións de Manel Cráneo.
Pirilampo dálle voz aos animais no seu novo traballo
Xénero:
| 12 / 6 / 2018A procurar tirarlle a mala sona a animais como a píntega ou a serpe chega o novo traballo de Pirilampo. O grupo capitaneado por Xosé Lois Seixo está en xira de presentación de Serpe de cristal, un libro-CD publicado por Galaxia na colección Sonárbore. O golfiño, a abella, a serpe sapeira, a píntega, o tritón, o reiseñor, a bubela ou os peixes collen a palabre en once novos temas orixinais que se presentan con ilustracións de Federico Fernández. Colaboracións de Xurxo Souto, Andrea Seijo e Antía enriquecen este traballo que integra frautas, gaitas, acordeón, guitarras ou percusión.
Anxo Moure e Servando Barreiro cantan a cultura fluvial en 'A música da Auga'
Xénero:
| 30 / 4 / 2018A través da editorial de Contos Solidarios 2Teixos, o contacontos Anxo Moure, xunto con Servando Barreiro, presentan o libro-cd A Música da auga. Un volume que serve para a recuperación da cultura tradicional xurdidas das beiras fluviais e dos cauces e fontes. Contos que se cantan e cantares que se contan arredor do propio ciclo natural da auga e das súas mitoloxías nestes 11 cortes do disco-libro de Barreiro e Moure para o que contaron coa colaboración de músicos como Rubén Pastoriza ou Marce Villaverde. O libro disco está ilustrado con acuarelas do propio Servando Barreiro e como proxecto comezou a xestarse fai quince anos nunha actividade da asociación Barcas do Minho chamada Embarcaescola coa que se foi visitando todos os centros escolares dos concellos galegos da beira do Miño divulgando o patrimonio cultural e ambiental do río. O libro-disco comeza cunha cantiga do espertar da auga no pedregal de Irimia e a través dos seus temas coñeceremos as figuras das xacias (mulleres peixe), barqueiros, cesteiros, etc. Contos da chuvia e das fontes que divulgan a riqueza dos ecosistemas fluviais e marítimos e propoñen hábitos para o seu coidado. A Música da Auga se está a presentar nestes dias en centros educativos e festivais de música como o "Plis plas" que se celebrará o 12 e 13 de maio na cidade de Vigo.