Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional
novembro 8, 2018
"Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar" é o lema co que se presenta Eu ben vin, virivín, o novo libro CD de Manuel Rico Verea. O volume presenta unha selección de rimas infantís de tradición oral, na súa maioría vencelladas a animais, que se recrean coa participación do Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado polo propio Manuel Rico e por Nani García. O Nani García Trío corre tamén coa instrumentación do proxecto, na que as melodías tradicionais se mesturan con arranxos de Jazz e que conta con Lucía Souto como voz principal, canda a Rico e a Clara Jelihovsky como convidada. O volume, editado por Xerais, achega ademais textos que presentan cada un dos temas, a falar do significado e cada un, acompañados da partitura correspondente e de exercicios sobre os mesmos. O CD inclúe ademais pistas para cantar en modo karaoke.