Pakolas debuta en solitario co seu primeiro libro-CD
xaneiro 4, 2018
Paco Cerdeira, membro fundador de A Gramola Gominola, comeza carreira en solitario con Pakolas. A editorial Galaxia presenta na súa colección Sonárbore este libro-CD que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e que achega dez cancións orixinais ademais de varios contos. O proxecto propón historias fantásticas con elementos educativos que se complementan cunha serie de contidos pedagóxicos aos que se pode acceder a través da rede. Con animais como protagonistas de moitas das historias, o novo libro-CD "é unha obra musical e literaria concibida para facilitar o traballo dos profesionais da fala e da linguaxe, achegándonos material que servirá como ferramenta e complemento ao noso labor diario con rapazas e rapaces. Ao memso tempo é un traballo divertido, co que tanto nenos e nenas como adultos poderán gozar corando e bailando os seus temas, así como aprendendo coas súas historias e contos".
A ilustradora Laura Romero corre co apartado gráfico do álbum, e ponlle imaxes a temas como Mero o baldomero, Xabarín con bombín, O Furafollas, A Quenlla Madrugadora, Mc Pac ou Arroaz, que se presentan baixo o lema "Cancións para rockandrollear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e de aprender".