Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A fórmula da orquestra de verbena chega ao público infantil

A PEQUENA E GRANDE ORQUESTRA PRESéNTASE O VINDEIRO 28 DE MAIO EN COMPOSTELA

A fórmula da orquestra de verbena chega ao público infantil

INFANTIL | maio 24, 2017

imaxe non dispoñible

Unha formación de músicos recoñecidos que interpretan grandes éxitos de bandas de onte e de hoxe. O formato que estamos habituados a ver nas orquestras de verbena chega agora, por vez primeira, á música infantil galega. A produtora Urdime estrea nas festas da Ascensión de Compostela A Pequena e Grande Orquestra, unha formación que conta con Carliños Freire á batería, Pablo Vidal no Contrabaixo, Javier Costenla no piano, Benxamín Vázquez á guitarra e as voces de Sabela King, Javi Gradín e Nerea Bello. Como repertorio, "as referencias da música infantil mundial de todos os tempos" coa música infantil galega como eixo. Segundo explica a propia produtora, "partiremos do repertorio de música infantil máis tradicional, pasando polos grandes éxitos que acompañaron nos 90 a toda a xeración Xabarín, e continuando o percorrido polos grupos musicais que nos últimos 15 anos teñen agromado no País e que xa neste momento son seguidas por fans miúdos alí por onde pasan".

O vindeiro 28 de maio a compostelá Praza da Quintana acolle a estrea deste proxecto, que amosa en boa medida a consolidación do sector musical orientado aos máis miúdos, reivindica a traxectoria históricas do mesmo a repasar o traballo diferentes formacións e explora novos xeitos de se achegar ao público.