Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Oviravai súmase aos grupos galegos para crianzas
Xénero:
| 5 / 4 / 2016Un novo grupo incorpórase a xa longa lista de propostas musicais para os máis cativos da casa. Oviravai debuta na colección Sonárbore de Galaxia co libro-CD As andanzas de Paio. As peripecias dun teixugo aventureiro e dos seus amigos serven de base para dez temas nos que se mesturan diferentes estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki son os membros da banda, autores dos temas e tamén responsables das ilustracións. O Auditorio Municipal de Ourense acolle o vindeiro sábado 9 o concerto de presentación deste proxecto.
Pirilampo achega a Manuel María ás crianzas no seu novo disco
Xénero:
| 15 / 3 / 2016Teatro de guiñol é o título co que Pirilampo presenta, na colección Sonárbore de Galaxia, o seu segundo traballo. Once poemas tirados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, de Manuel María, serven de base para unhas cancións pensadas para os máis novos da casa. A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol son algúns dos textos que se adaptan neste proxecto, que sae á luz en formato libro-CD con ilustracións de Iván R. O proxecto mestura ritmos tradicionais con toques de rock e pop, e preséntase ao público cun concerto no Auditorio Municipal de Ourense este sábado, 19 Marzo.
Músicas para a Semente achega a tradición aos máis novos
Xénero:
| 11 / 1 / 2016Con vistas a conseguir fondos para creación do seu espazo educativo en galego, Semente Trasancos presentaba este pasado mes de decembro Músicas para a Semente. Cinco cantareiras da comarca e catro músicos, con Alberte Maceiras na dirección musical participan nun álbum que achega unha selección de temas da tradición de Galicia e de Portugal para os máis novos. En total son dez cancións entre arrolos, cancións de Nadal e cantigas nas que predomina o acompañamento tradicional, aínda que non faltan instrumentos como o saxo tenor ou o ukelele. O álbum está a venda en distintos establecementos de Ferrol, Narón, Lugo, Compostela ou Vigo.
Anxo Moure e Servando Barreiro unen forzas en A música das árbores
Xénero:
| 16 / 12 / 2015Narración, música e poesía intégranse en A música das árbores. Servando Barreiro e Anxo Moure unen forzas nun traballo que aborda "a posibilidade dun mundo onde os seus habitantes vivan en harmonía coa natureza e onde os problemas se amañen facendo falar os corazóns". Chus Láuzara achega as ilustracións a este traballo, que edita Galaxia e que se gravou nos estudios Son Feixon de Beade, Vigo. O álbum preséntase ao vivo en espectáculos de contacontos que inclúen música.
Cé Orquestra Pantasma achégase aos cativos con Fíos do querer
Xénero:
| 15 / 12 / 2015O primeiro disco de Cé Orquestra Pantasma é un libro-CD orientado para cativas e cativos de ata tres anos. Fíos do querer presentouse no último Culturgal da man da Cooperativa Miudiño con nada menos que 24 temas. Arrolos, ritmos simples e rimas sinxelas animan a achegar os máis novos ao música desde o primeiro momento. Segundo sinala a presentación do álbum, trátase dunha "primeira de musica para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxetos sonoros feitos a partir de materiais naturais". Logo da presentación do cultural, o proxecto ten previstos novos concertos o día 19 (Salceda de caselas e Vigo), o 22 (Ourense), o 23 (A Coruña) e o 26 (Moaña).
Mamá Cabra versiona a Carmen Gil en A bruxa Discordia
Xénero:
| 3 / 12 / 2015Doce poemas de Carmen Gil musicados compoñen a nova proposta de Mamá Cabra. Galaxia presenta, na súa colección Sonárbore, A bruxa Discordia, un libro-CD no que participa como ilustradora Iria Fafián. O novo álbum, que ten como tema principal a paz, preséntase ao público no Culturgal cun concerto o vindeiro domingo 6 de decembro ás 17:30 horas.
Uxía e Magín Blanco presentan o Manuel María máis pequeno
Xénero:
| 23 / 11 / 2015Manuel María, poeta protagonista do vindeiro Día das Letras, é tamén o eixe da última proposta da colección de libros-CD Sonárbore da editorial Galaxia. Canta o cuco reúne a Uxía e a Magín Blanco para adaptar unha selección de poemas infantís do autor chairego que inclúe textos xa clásicos como O carro, A vaca ou O cuco. O dúo incorpora ademais o tema Todo me fala de ti na que dialogan co propio poeta. Os arranxos musicais correron a cargo de Santi Cribeiro e de Guillerme Fernández, e o dúo contou coa colaboración de Isaac Palacín, Pablo Vidal, Raquel Domínguez, Pablo Ces ou Andrés Giráldez. As ilustracións do álbum ilustrado corren a cargo de Leandro Lamas. A presentación do álbum realizarase o vindeiro 24 de novembro, a partir das 11.00 horas na escola A Galiña Azul de Santiago de Compostela. O proxecto inclúe tamén un espectáculo homónimo no que se mestura música e teatro e que presentaron na feira Galicia Escena Pro.
Novas propostas afianzan a axenda cultural para os máis novos
Xénero:
| 2 / 10 / 2015Continúa a medrar a oferta cultural para as crianzas no noso país. O Concello de Pontevedra iniciará o vindeiro oito de novembro o Festival das Cóxegas, un programa que achega catro propostas escénicas musicais e de danza aos domingos do Pazo da Cultura. The Pinker Tones, Roberto G. Alonso, Aracaladanza e mais Títeres Etcétera compoñen o programa desta primeira edición, para a que xa se poden adquirir as entradas. Pola súa banda, Compostela tamén acolle unha novidade na axenda cultural infantil. O vindeiro 15 de outubro chega ao Auditorio de Galicia Sons Miúdos, que se presenta como "O espectáculo máis grande da música infantil galega". Mamá Cabra, Magín Blanco, Uxía, Paco Nogueiras, Xoán Curiel, Teatro dos Ghazafellos e o Cuarteto Sons Miúdos compoñen o cartel desta iniciativa.
Sérgio Tannus continúa coa música para os máis novos con Alegría!
Xénero:
| 17 / 7 / 2015Trece cancións e mais un conto, con ilustracións de Luís Baralla, compoñen o último traballo de Sérgio Tannus. O canto "brasilego", como el mesmo se define, debuta como escritor no último lanzamento de Galaxia coa colección Sonárbore. Alegría! conta a historia de Allegra, un bichiño que busca mellorar o seu estado de ánimo. Unha viaxe e o encontro con novos amigos axudaranlle a mudar a súa perspectiva sobre a vida. Temas optimistas, na liña do traballo que o autor xa amosou en obras como María Fumaça, compoñen o proxecto. O Festigal acollerá, o vindeiro 25 de xullo, a presentación do álbum en Compostela.
A Gramola Gominola achega os estilos musicais aos máis novos
Xénero:
| 8 / 4 / 2015Pop, punk, reggae, heavy ou ska. Paula Romero, Ro Muñoz, Ánxelo de Xermar e Paco Cerdeira son os responsables de A Gramola Gominiola, grupo que presenta o seu primeiro libro-CD cun percorrido polos estilos musicais contemporáneos para os máis novos. Ritmos adultos con letras nas que se abordan temas como os deberes, os cromos, os xogos, ou cantan sobre Barriga Verde a ritmo de country. O álbum, editado por Galaxia, conta con colaboracións de Luís Tosar, Pablo Dalama, Xenderal ou Mini e Mero, e está ilustrado por Lidia V. Cardeiro.