Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Infantil
Música Infantil
Manoele de Felisa Canta a lúa coas estrelas
Xénero:
| 25 / 3 / 2015Textos de Rosalía Morlán musicados e interpretados por Manoele de Felisa. Esta é a proposta de Canta a lúa coas estrelas, a nova proposta deste músico que acaba de saír do prelo da man de Arteson Producíóns. O proxecto preséntase en formato libro-CD e conta con ilustracións de Isabel Albela. As cancións do volume son poemas dos tres libros que ten publicado Rosalía Morlán, ademais de cinco textos inéditos, que se dirixen a toda a familia segundo a autora. Manoele de Felisa está acompañando nesta iniciativa polo grupo infantil Os Piñeiriños.
Pablo Díaz volta ao formato CD con Xente miúda moita fartura
Xénero:
| 4 / 2 / 2015Tito Calviño e Carmen Rey acompañan a Pablo Díaz na súa nova aposta musical. Logo do éxito de Tic Tac e Toc Toc, o músico presenta Xente miúda moita fartura, un proxecto autoeditado no que retorna ao formato disco e que orienta a un público de entre 0 e 5 anos. Os trece temas do traballo teñen como protagonistas elementos próximos aos máis novos, como poden ser "os insectos, recoller os xoguetes, as cremas de verduras, ou celebrar en galego un aniversario". O Pazo da Deputación de Lugo acolle esta tarde o recital de presentación do proxecto, e para os vindeiros 21 e 22 de febreiro será o Fórum Metropolitano da Coruña o que aconlla senllos recitais.
Dosier: Escoitar o Apalpador
Xénero:
| 19 / 12 / 2014Para alén de agasallos, este ano o Apalpador vén cargado de cancións. Diferentes artistas do noso país incluíron temas sobre este carboeiro nos seus últimos traballos para os máis novos. Deste xeito, a Editorial Galaxia envioulle aos centros de ensino un boletín no que recolle as cancións e as letras que Mamá Cabra, Pirilampo e Pablo Díaz lle dedican ao personaxe. Pola súa banda, Kalandraka tamén está a promocionar o tema Aí ven o Apalpador que Paco Nogueiras recolle no libro-disco Brinca Vai!. Escóitaas todas e repasa as nosas novas e reportaxes sobre esta figura neste dosier.
Mamá Cabra para na Estación Nadal
Xénero:
| 5 / 12 / 2014A reclamar a existencia dunha quinta estación no ano, a Estación Nadal, Mama Cabra presenta o seu novo traballo. A colección Sonárbore de Galaxia achega a nova proposta do grupo, chea de temas ambientados nesta época como Panxoliña, Nadal no San Xoán, Os reis en Santo André ou O Apalpador. O grupo presentará o traballo no Culturgal, cun concerto no espazo infantil o vindeiro domingo 7 ás 13:30 horas.
Non hai berce coma o colo actualiza arrolos tradicionais
Xénero:
| 4 / 12 / 2014Unha selección de quince cantos tradicionais para durmir. Esta é a proposta de Non hai berce coma o colo, o novo libro-CD que publica Kalandraka e no que Paulo Nogueira e Magoia Bodega ofertan unha escolma de temas recollidos por toda Galicia e actualizados. O proxecto, que conta con ilustracións de Mariona Cabassa, incorpora as voces de Sonia Lebedinsky, Mini e Merchi de Leilía, así como a música de César Longa, de Treixadura, Pancho Álvarez, Begoña Riobó e Segundo Grandío.
Pirilampo súmase aos libros-CD con Lucecús
Xénero:
| 25 / 11 / 2014A colección Sonárbore de libros-discos de Galaxia conta cunha nova incorporación. O grupo Pirilampo presenta o vindeiro 29 de novembro Lucecús, o seu terceiro traballo neste campo. O proxecto achega dez temas nos que os sons tradicionais marcan o ton. Xogos de voces, frauta, acordeón, guitarra, percusión, batería, baixo e gaita arroupan cancións de berce sobre Pedro Chosco, un tema sobre o Apalpador, outro sobre bruxas ou o que ten o Tío Nicanor e os seus animais como protagonistas. Logo da presentación na viguesa Casa do Libro o 29, o grupo visitará o Culturgal o 7 de decembro e mais o Museo de Arte Contemporánea da Coruña o día 14 dese mesmo mes.
As crianzas queren máis
Xénero:
| 12 / 11 / 2014É ben sabido que nos últimos anos están a se multiplicar as publicacións dirixidas aos máis novos, nomeadamente no campo da música. Aos poucos, estes produtos están a se facer máis complexos, e dos discos pasamos aos libros-discos, a obras que inclúen tamén DVDs e mesmo a proxectos que integran auténticos espectáculos escénicos. Gatuxo de Magín Blanco ou Cocido Sinfónico de Os tres tenedores son algunhas das últimas propostas neste campo.
Neira Vilas presenta o libro-CD Cantos de sol a sol
Xénero:
| 15 / 10 / 2014Ilustracións de Xosé Vizoso e música de Xosé Lueiro acompañan os poemas de Xosé Neira Vilas en Cantos de sol a sol. O novo traballo do autor de Gres achega unha serie de composicións líricas pensadas para os máis novos da casa, que son interpretadas por voces como as de María do Ceo, Manoele, Lucía Azurmendi, Carme Rey, Felisa Segade e Xabier Díaz. A observacion da natureza e o esforzo por captar o momento centran os temas dos textos, que saen á luz da man da editorial Galinova e da Fundación Neira Vilas. Logo de se presentar onte no Teatro Principal de Santiago está previsto que ao longo do outono se desenvolva unha xira que dea a coñecer o proxecto por todo o país.
As Maimiñas debutan con Unha viaxe polo mundo
Xénero:
| 18 / 9 / 2014Unha nova formación súmase ás propostas musicais para os máis novos no noso país. Da man da colección Sonárbore de Galaxia, o dúo As Maimiñas presentan o libro-CD Unha viaxe polo mundo. Ilustrado por Patricia Castelao, o volume achega dez temas que convidan a bailar distintos ritmos acompañando as cantantes nas súas aventuras por Nova York, O Tirol, China ou África. O volume gravouse nos estudios de Isaac Palacín e sae á venda a un prezo de 20 euros.
Golfiños debutan con Té, chocolate e café
Xénero:
| 28 / 7 / 2014Xa está nas tendas Té, chocolate e café, o libro-disco co que debuta Golfiños. Aínda que con anos de existencia, este grupo orientado aos máis novos da casa lanza agora o seu primeiro traballo no que mesturan melodías tradicionais e composicións propias que falan de diferentes animais, contan adiviñas ou abordan historias orientadas ás crianzas. O grupo, composto por Elena Paz , Diego Paz e Xosé Liz, presentaba o seu espectáculo o pasado 25 de maio en Vigo e está a desenvolver a xira presentación. A vindeira parada é hoxe mesmo na libraría San Pablo de Santiago de Compostela.