Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Hip-Hop
Música Hip-Hop
O Marisquiño deixa Vigo con destino descoñecido
Xénero:
| 23 / 2 / 2021Apenas pasou un mes desde que o festival de cultura urbana O Marisquiño anunciara o seu regreso este ano á axenda do verán vigués cando a empresa fixo onte un novo comunicado no sentido contrario e mesmo anunciando a súa despedida da cidade onde leva celebrándose desde o ano 2001. A empresa promotora do evento, Factor Ulises, tomou a decisión de cancelar definitivamente a edición de 2021 sinalando a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes para manter o evento nas mínimas condiciones de calidade e seguridade admisibles para a organización. A incerteza sobre o apoio financeiro por parte da Xunta, unida ao recorte dun 70% da partida que o Concello de Vigo, dedicaba ao evento, que incluía ademais a achega da Deputación de Pontevedra está detrás desta decisión da organización do evento internacional que tamén apunta as dificultades que tivo que afrontar nos últimos anos para manter a celebración do festival na cidade. Factor Ulises afirma no seu comunicado que os patrocinios privados tamén tiveron unha considerable caída, razón pola cal o apoio institucional era máis necesario que nunca nesta edición.
Boyanka Kostova saen a rachar co novo disco 'Os dous de sempre'
Xénero:
| 18 / 6 / 2020Boyanka Kostova viña de sacar Nova Canción Galega (Mushroom pillow, 2019) e non agardou moito antes de dar outro paso, neste caso con Os dous de sempre(Mushroom Pillow) tiran xutamente do título da novel de Castelao para facer un traballo que achega aínda máis os cernes da música tradicional ao trap en galego do que son un referente. Con este novo álbum os Boyanka van con toda liberdade nos seu sete temas, explorando e incluíndo detalles como un "sampleado" dun dos diálogos de Ernesto Chao en Pratos Combinados para o tema Restaurantes. Son inevitables, escoitando temas como Muinheira de Interior co que fixeron o lanzamento en vídeo, as lembranzas de aqueles temas de Os Resentidos no revolucionario Fai un sol de carallo (Grabaciones Accidentales, 1986) e eles mesmo declaran a súa condición de herdeiros neste sentido. Boyanka Kostova utilizan sen miramento os ritmos e sons urbanos para dar voz ao entorno rural. Tampouco rexeitan tirar da súa perspectiva aceda para tratar asuntos de actualidade como a controvertida personalidade do alcalde de Vigo en Abel the Knight. Noutros dos temas o dúo mantén un enfoque hip-hop máis ortodoxo. O disco tamén permite ao dúo formado por O Chicho do Funk e $aibran Gx2 tirar deses ritmos tropicais que forman parte da súa carta de presentación, tanto neste proxecto coma noutros paralelos que manteñen.
SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'
Xénero:
| 27 / 4 / 2020SonDaRúa, o grupo de hip hop formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, ven de presentar Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). SondaRúa plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade no fraseo e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate non defrauda nin en contido nin en calidade de produción, ofrece 12 cortes en galego nos que o trío conta coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. O disco é unha proposta ecléctica na que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae e a fusión.
A comunidade Hip Hop em galego seleccionou os mellores temas de 2019
Xénero:
| 30 / 1 / 2020O traballo de Rebeliom no Inframundo co produtor Baghira no tema Rugir da Jungla valeulle ao grupo erixirse como autores da mellor canción de Hip Hop na nosa lingua de 2019. A comunidade Hip Hop em galego escolleu mediante votación e interacción nas redes os seus dez temas favoritos entre unha selección. Segundo sinalan os responsables desta comunidade virtual, Rugir da Jungla supón "a mostra total do potencial e do impacto que supón a Rebeliom do Inframundo para a cultura galega", cun "traballo audivisual que con maiusculas podemos dicir que representa a CALIDADE do rap en galego".
Dios ke te Crew retrata a súa madurez en O Ciclo da Serpe
Xénero:
| 7 / 5 / 2019Logo de oito anos desde o seu anterior traballo e de se dedicar a diferentes proxectos persoais, os membros de Dios ke te crew, grupo de referencia do hip-hop galego, lanzan o seu novo disco conxunto. O Ciclo da Serpe preséntase ao público cun concerto o vindeiro 11 de maio na compostelá Sala Capitol e achega dezaseis cortes nos que o grupo mantén o seu carácter de intervención social. Cuestións como o ascenso da ultradereita, os refuxiados, as drogas, a reivindicación da liberdade de expresión, as redes sociais ou a xestión do lixo son abordados coa habitual sátira e retranca en letras traballadas que amosan a madurez do conxunto.
Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'
Xénero:
| 21 / 2 / 2019Ilegal (Autoeditado) é o nome do terceiro álbum da banda Rebeliom do Inframundo, unha formación de rap conformada por Nervo (voz), Frank (voz/produción), Malvares de Moscoso (voz), Movementss (produción) e o seu Ichi (dj). O disco está autoeditado por Galunk Producions a través de Rock CD Records. Tra-lo seu traballo Lume e Rebeliom (2016) os das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop neste novo disco, onde a crítica social convive con líricas máis íntimas. En Ilegal incorporan ademais a colaboración das valencianas MAFALDA. Dúas das catorce cancións deste novo traballo que xa foron presentadas en vídeo nos dous anos pasados tras o anterior traballo: Non imos polo regho e Plantaron lume ao monte. O 27 de febreiro lanzarase o novo traballo en tódalas plataformas dixitais e xa no mes de marzo, comezarán unha xira por salas que os levará a Madrid, Toledo ou Barcelona e tamén por primeira vez incluirán varias datas internacionais na súa xira por Portugal; onde actuarán nas cidades de Braga e Oporto, antes do comezo da tempada de verán. As primeiras datas en terras galegas serán o 16 de Marzo en Vigo, na Sala Masterclub, xunto a MP Crew (Catalunya) e o dúo vigués conformado por Frank Huxley & 2PAS0S, e o 12 de Abril en Santiago de Compostela, na Sala Malatesta, xunto á galega High Paw.
Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'
Xénero:
| 16 / 11 / 2018Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.
O novo festival Beatout de cultura urbana xa ten cartel
Xénero:
| 27 / 7 / 2017O recinto EXPO Coruña acollerá o 1 de setembro o festival Beatout, primeira edición dun evento arredor da cultura urbana e o hip-hop. Co obxectivo de repetir a cita anualmente e convertir o Beatout nunha referencia no eido musical da cultura urbana o festival ven de presentar xa o cartel da súa primeira edición e sacar á venda as entradas anticipadas. Nove actuación conforman a súa oferta comezando na parte alta do cartel con C Tangana, rapero máximo exponente do Trap; Hard GZ; o dúo Ayax y Prox; Dellafuente e Denom. Tamén estará neste 1ºBeatout Kidd Keo; Fernando Costa e Reels B.
Ezetaerre desembarca con Aspiracións mínimas e urxentes
Xénero:
| 24 / 2 / 2017Oito videoclips en simultáneo. Este é o espectacular xeito co que a banda Ezetaerre optou por presentar o seu primeiro disco Aspiracións mínimas e urxentes. Versións audiovisuais de todos os temas do álbum están xa dispoñibles na canle de Youtube deste trío de rap combativo en galego formado por Garchu, Pirola e Petrowski. A colonización de Latinoamérica, a audiencia nacional, a situación de Palestina ou a precariedade laboral danse cita nas temáticas duns temas que se acompañan de samplers de Yann Tiersen, Los Panchos, José González, temas árabes ou influencias folk. O proxecto, gravado por Iago Pico en Pousada Son Studios sae á luz baixo o selo Santa Guerrilla. A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 3 de marzo a presentación do proxecto nun concerto con Nao.
Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom
Xénero:
| 26 / 4 / 2016Cunha formación ampliada e anovada, Rebeliom no Inframundo publica o seu segundo álbum de estudio. O Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC) e Ichi Som (DJ) son agora os membros fixos do grupo, que conta tamén con contribucións a cargo de Movementss, Frank, 2Pas0s, Dj Rapu e J.CNNR. O novo disco Lume e rebeliom sae á luz da man de Língua Nativa e achega catorce temas nos cales o rock, o folk, o reggae ou a música electrónica se deixan sentir sobre a base de hip-hop que caracteriza o grupo. A denuncia socal mestúrase co lirismo íntimo nun proxecto que inclúe coas colaboracións da viguesa Íria Medranho e o cantante irlandés Brian Brody. A Farándula, en Vigo, acollerá o vindeiro 30 de abril a presentación do título.
REPORTAXE
Na base do hip hop
Data.O colectivo Dios Ke Te Crew reúne todas as artes vencelladas ao hip hop nun proxecto único en Galicia