Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Marisquiño deixa Vigo con destino descoñecido

O FESTIVAL DE CULTURA URBANA CONSIDERA INSUFICIENTES OS APOIOS INSTITUCIONAIS PARA CELEBRARSE ESTE ANO E MANTERSE NA CIDADE

O Marisquiño deixa Vigo con destino descoñecido

HIP-HOP | febreiro 23, 2021

imaxe non dispoñible

Apenas pasou un mes desde que o festival de cultura urbana O Marisquiño anunciara o seu regreso este ano á axenda do verán vigués cando a empresa fixo onte un novo comunicado no sentido contrario e mesmo anunciando a súa despedida da cidade onde leva celebrándose desde o ano 2001. A empresa promotora do evento, Factor Ulises, tomou a decisión de cancelar definitivamente a edición de 2021 sinalando a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes para manter o evento nas mínimas condiciones de calidade e seguridade admisibles para a organización. A incerteza sobre o apoio financeiro por parte da Xunta, unida ao recorte dun 70% da partida que o Concello de Vigo, dedicaba ao evento, que incluía ademais a achega da Deputación de Pontevedra está detrás desta decisión da organización do evento internacional que tamén apunta as dificultades que tivo que afrontar nos últimos anos para manter a celebración do festival na cidade. Factor Ulises afirma no seu comunicado que os patrocinios privados tamén tiveron unha considerable caída, razón pola cal o apoio institucional era máis necesario que nunca nesta edición.

O Marisquiño leva anos nun tira e puxa polo apoio das institucións que xa ten motivado en anteriores intres que se puxese sobre a mesa a posibilidade de deixar Vigo e Galicia. As dificultades aumentaron tras o accidente ocorrido no ano 2018, cuxas responsabilidades foron obxecto dun proceso xudicial aínda aberto e mesmo dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia. O anuncio do abandono de Vigo por parte do festival veu seguido dun anuncio por parte do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, no sentido de asegurar os fondos para o evento se queda en Galicia, así como de movementos locais para acadar a súa celebración noutros puntos da comunidade e fóra dela. De entre os que foron feitos públicos destaca a iniciativa do partido Más por Culleredo, que propón facer o evento no Paseo Marítimo de O Burgo, coa cooperación necesaria entre os concellos de Culleredo, A Coruña e a Deputación coruñesa para atraer alí o festival, un lugar onde consideran que se dan as características técnicas necesarias para o seu desenvolvemento. O feito de que xa este ano se decidise pola organización pasar a facer en Barcelona algunha das probas que organizan de deportes urbanos pode ser un indicador de que o futuro do festival de cultura urbana podería estar fóra de Galicia.