Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Na base do hip hop

Na base do hip hop

HIP-HOP | xuño 1, 2005

Imprimir

A unión de vinte persoas de disciplinas coma a danza, a música e a pintura nun único grupo non é unha iniciativa que se vexa habitualmente na nosa cultura e ata pode semellar difícil encontrar un nexo que poida xuntalas todas. Un colectivo asi, sen embargo, existe. Leva o nome de Dios Ke Te Crew e atopa no hip hop o cemento que une todas estas artes.

A pesar de que maiormente se considera o hip hop coma un estilo musical que se asocia a un determinado estilo de roupa, na realidade é un movemento complexo que abrangue toda unha serie de disciplinas. Aínda que non sexan moi recoñecidas, todas elas teñen os seu practicantes no noso país e, aínda máis, hai quen optou por integralas nun único proxecto. É o caso de Dios Ke Te Crew, unha iniciativa que abrangue dous grupos musicais, varios graffiteiros, picadiscos e bailadores de break dance. “O hip hop é un movemento que engloba o break dance, o graffiti, o rap, o turn tablism e o beat box”, explica Markos, membro deste colectivo. “O turn tablism é a arte de manexar os pratos, unha actividade que inclúe pinchar, mesturar ou facer scratching”, aclara, “o beat box é a habilidade facer ritmos coa boca, ten a súa orixe en que cando comezou o hip hop había poucos medio para facer as bases”.

A unión
O proxecto naceu en Ordes, onde funcionaban dous grupos dedicados ao rap, 5 Talegos e Ghamberros. “Debutamos no Festigal de 2003. Chamárannos aos dous grupos, e como sempre fomos coma unha familia, decidimos xuntarnos e presentámonos coma Dios Ke Te Crew”, sinala Markos. “Queríamos metelo todo nun escenario. É un espectáculo no que conflúen todas as vertentes artísticas cimentado na base do rap. Na base é un concerto de rap coa diferenza de que mentres nós rimamos, detrás están os graffiteiros facendo un mural, hai intervencións dos breakers combinados cos Djs e en xeral unha aglomeración de hip hop”. A integración de todas estas artes mobiliza a unhas vinte persoas, sete dedicados á música que pertencen a 5 Talegos e a Ghamberros, catro breakers integrados no grupo compostelán Playmobil Kids, e sete ou oito graffiteiros, maiormente integrados nos grupos Vandals Crew e Cousas Novas. A todos eles hai que sumar aínda os Dj’s Murdock e Kaz Lu. “A parte de Dios Ke Te Crew, os integrantes manteñen os seus proxectos independentes”, e deste xeito, en marzo de 2005 Ghamberros presentaba o seu primeiro disco.

Organización
Se a coordinación dun colectivo tan numeroso pode parecer por si complexa, débese ter en conta que os participantes no proxecto encóntranse espallados por boa parte da xeografía do país. “A maior parte da xente é de Ordes, pero por exemplo os breakers son de Compostela, ao igual que un dos Dj, e logo temos xente pintando en Ordes, en Vigo ou na Coruña como Dios Ke Te Crew. Coordinarnos é un dos nosos maiores problemas, pero co teléfonos e o correo electrónico vaise facendo”, recoñece Markos. En xeral o corazón do colectivo está en Ordes que é desde onde se organizan as actividades. “Cando chaman para tocar nalgún lugar, avisan os grupos e desde aquí coordinámonos cos breakers e cos graffiteiros, vemos o que queren facer e logo motamos un ensaio xeral, normalmente nun local que temos alugado en Ordes”. Ademais de actuacións, o colectivo organízase para facer obradoiros dedicados ás diferentes artes do hip hop, “a experiencia que temos ata o de agora neste sentido é estupenda, teñen moita aceptación, sobre todo os de graffiti, que é o que chama máis a atención”, salienta Markos.

Lingua para cantar
Toda a actividade de Dios Ke Te Crew se desenvolve en galego, o que os singulariza en boa medida no panorama do hip hop do noso país “O hip hop é un movemento urbano e nas cidades de Galicia a maior parte da mocidade fala en castelán. Na Coruña e en Vigo é onde hai máis hip hop e é onde máis castelán se fala, e os grupos que saen falan este idioma”. Desde o grupo consideran o emprego do noso idioma neste campo coma algo completamente natural. “Temos todas as letras en galego porque falamos habitualmente en galego, o rap é algo bastante espontáneo e non tería sentido que o fixésemos en castelán, o galego é o noso idioma e é o que nos sae. Logo tamén pensamos que cómpre que haxa música en galego e que se faga respectar”, sinala Markos, quen recoñece tamén que “non é que nos pechemos a ningunha lingua. Queremos facer o primeiro disco en galego pero ao mellor logo cansámonos e danos por facelo en chino, temos unha perspectiva internacionalista”. En xeral, Markos considera que o idioma non marca unha fronteira entre os grupos do país, “mesmo dentro dos grupos que cantan en castelán algúns teñen temas en galego, e dentro do hip hop teñen tamén unha apertura e son sensibles á nosa lingua” e cita grupos coma La Mezcla de Ferrol ou El Puto Coque de Vigo como algúns dos que combinan idiomas, mentres outros coma os veteranos Non Residentz de Compostela manteñen un repertorio integramente en galego e portugués.

A vaga en Galicia
“O hip hop estendeuse a todo o mundo e non ten por qué ser só nun ámbito urbano. En Galicia non é que non houbese este movemento e agora o haxa, xa cando se desenvolveu o hip hop na Península aquí había xente metida”, sinala Markos, a facer historia. Desde Dios Ke Te Crew recoñecen que é un bo momento para este movemento. “Agora a moda de hip hop, que logo pasará ou non, está a afectar e está a facer que en Galicia haxa un lote de grupos e un desenvolvemento desta cultura”, no entanto lamentan o modelo de rap que se potencia nesta vaga. “Son puntuais os grupos a nivel de Estado que nos seus discos meten historias con mensaxe reivindicativa. O que fai a maior parte da xente, tamén en Galicia, é rap de competición, temas ególatras que realzan a figura do MC (cantante) e deixan de lado o resto das vertentes do hip hop”, apunta Marcos. Este rapeiro tamén sinala que “nós renegamos bastante dese tema, pensamos que é algo negativo e que fai que a xente viva nun mundo irreal, é como seguir o sistema neocapitalista ianqui”. Queda claro que, ademais dun certo compromiso coa lingua, Dios Ke Te Crew mantén tamén un claro compromiso social nos temas que trata nas súas cancións.

Disco, fusión e concertos
Entre os proxectos máis inmediatos deste colectivo está a presentación do seu primeiro disco, gravado e autoproducido, que ser prevé para comezos do outono. A nivel artístico barallan probar algunha forma de fusión. “Aínda non fixemos ningún tema con músicos tradicionais galegos, pero son proxectos que temos en mente. Xa temos algunhas bases con influencias do folk, introducindo gaitas e percusións, e queda moi ben”, explica Markos. “O hip hop é unha música que aglutina un lote de estilos, co folk aquí poderíase facer e penso que sairán cousas en breve”, anuncia o membro de Dios Ke Te Crew. Ata a saída do disco está previsto continuar coas actuacións en directo, que os levarán ao longo deste verán a escenarios coma o da Sala Capitol (dezasete de xuño), o da Foliada de Lalín (nove de xullo), Ribadeo (dezanove de agosto) ou o Festival de Hip Hop de Pontevedra (vinte de agosto). Ocasións para contempla o hip hop en toda a súa complexidade non faltan.