Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'
novembro 16, 2018
Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.
"Máis de mil tormentas despois, coa pólvora aínda no ar, seguimos tragando po. O mesmo po que erguemos cando organizamos a tempestade, brotando de cada un dos nosos corpos que bateu contra o chan, esvaecéndose entre os dedos dos puños que golpean o ceo." Esta é a presentación que a banda galega Ezetaerre fai do seu novo disco. Os EZR collen inspiración nun episodio histórico dos anos 30 nos Estados Unidos, o Dust Bowl, que deixou ver a desprotección na que quedaban as clases humildes do país ante unha catástrofe ambiental lixeiramente posterior ao Crac do 29 e que para os tres rapeiros galegos garda moitos paralelismos coa situación sociopolítica actual. Temas como As uvas da ira son referencias directas a ese episodio. Así os EZR canalizan o conflito a través das súas letras explícitas que en galego amosan a súa postura combativa de clase e global que abrangue “desde Iowa ata Ferrol, de Beirut a San Andres” e cun recordo ao compromiso social do líder de The Clash Joe Strummer no Letras para Woody Mellor.
Musicalmente EZR ofrécenos un conxunto moi ecléctico de sons no que cada canción é distinta da anterior. Ezetaerre continúa na liña de compromiso social que amosaron dende a saída da súa primeira maqueta, de nome homónimo, e que deu paso ao LP Aspiraciones Mínimas e Urxentes e o maxi 100. Novas letras, novos ritmos e novas ideas, pero sempre baixo as tres consignas que os caracterizan: dignidade, solidariedade e humildade. O disco sae baixo o selo New Beats, subselo da catalana Kasba Músic -gravado nos estudios Pousada Son, en Ames- conta coas colaboracións de: High Paw, Arnau de Zoo e Martin Plan B. Tamén Rubén Sierra de La Pegatina; os grupos cataláns Ginestá e Akelarre; Salma dende Beirut, Líbano e vellos coñecidos como Samu Acaracán. En concerto poderemos velos proximamente defendendo Pólvora e Tormenta o vindeiro 1 de decembro na sala Karma de Pontevedra e o 7 de decembro na sala Capitol de Santiago de Compostela.