Cemento Musgo debuta cun visuálbum pioneiro
marzo 25, 2024
Once cancións acompañadas doutros tantos vídeos compoñen o visuálbum co que se presenta Cemento Musgo. Neste formato pioneiro no noso país combínanse as artes de Sokram, voz de Dios ke te Crew, ilustrador e muralista, do produtor parisino Coio, que corre coa parte musical do proxecto, e mais do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art, que achega o aspecto gráfico. O álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Møu, de Dios ke te Crew, en Rapapoulo Estudio.
O resultado, unha "peza de arte audiovisual e conceptual" na que predominan sons densos e escuros a conformar ritmos hipnóticos cheos de ecos electrónicos. Esta combinación serve de base a letras nas que predominan mensaxes de crítica social cunha alta carga poética que abordan cuestións como a turistificación (Green go home), a problemática ambiental ou a exposición nas redes sociais.
Tons dark trap como os que Racha o lapiz, o minimalismo experimental de Colapso, toques Lo-fi en Terra húmida ou mesmo o metal-trap-hiphop de Mascarada amosan as diferentes facetas ás que se achega o proxecto no ámbito sonoro. Na imaxe, nubes de puntos combínanse ao ritmo da música en imaxes alegóricas con fondos escuros que xeran desacougo e reforzan as mensaxes dos distintos temas.
Segundo sinala a presentación do proxecto, "Cemento Musgo crece en lugares húmidos e escuros, a medio camiño entre o urbano e o rural, a miúdo ao redor de ruinas postindustriais reconquistadas pola vexetación, ou tamén ao longo de canais subterráneos atravesados por correntes de auga turbia e fría, como as do ordense río Cabrón. Aliméntase de sons orgánicos e profundos subgraves 808, secuenciados a través de complexos patróns rítmicos. Fala un idioma antigo emitindo mensaxes universais a longas distancias en forma de métricas densas e poéticas disertacións que aluden a temáticas diversas como o ecoloxismo, as relacións humanas, o amor e o odio, a industria musical, a alienación tecnolóxica e o colapso medioambiental".