Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'

A FORMACIóN DE HIP HOP PRESENTA UN POTENTE TRABALLO CON AIRES REIVINDICATIVOS

SonDaRúa saen co seu primeiro disco longo 'Eterno combate'

HIP-HOP | abril 27, 2020

eternocombate_sondarua.jpg

SonDaRúa, o grupo de hip hop formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, ven de presentar Eterno Combate (PlayPlan 2020), o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). SondaRúa plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade no fraseo e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate non defrauda nin en contido nin en calidade de produción, ofrece 12 cortes en galego nos que o trío conta coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre. O disco é unha proposta ecléctica na que teñen cabida unha morea de estilos musicais; dende o rap clásico ao máis puro estilo 90’s, pasando polo ska, o rock e chegando aos sons máis característicos do reggae e a fusión.

O disco veu xa precedido ao longo do pasado ano pola edición de videoclips con algúns dos temas que contén, como Éxodo, Salsa galaica, Pontakas antifa e, máis recentemente o que dá nome ao disco. No referente á parte instumental de Eterno Combate, o maior peso da produción recaeu en Álex Arnoso, membro do grupo, que contou coa participación de distintos artistas do nivel de Peter Petrowski (Ezetaerre), That Bass, actual DJ da banda, ou Javier Vicalo, produtor da canción que dá nome ao disco nos estudos The Dub Yard. Destaca tamén o gran traballo realizado por Félix Cebreiro en Quela Records, tanto na mestura e masterización dos temas como nos arranxos musicais do disco. O disco edítase baixo a discográfica de PlayPlan e xa está en todas as plataformas dixitais.

datos do disco