Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'
febreiro 21, 2019
Ilegal (Autoeditado) é o nome do terceiro álbum da banda Rebeliom do Inframundo, unha formación de rap conformada por Nervo (voz), Frank (voz/produción), Malvares de Moscoso (voz), Movementss (produción) e o seu Ichi (dj). O disco está autoeditado por Galunk Producions a través de Rock CD Records. Tra-lo seu traballo Lume e Rebeliom (2016) os das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop neste novo disco, onde a crítica social convive con líricas máis íntimas. En Ilegal incorporan ademais a colaboración das valencianas MAFALDA. Dúas das catorce cancións deste novo traballo que xa foron presentadas en vídeo nos dous anos pasados tras o anterior traballo: Non imos polo regho e Plantaron lume ao monte. O 27 de febreiro lanzarase o novo traballo en tódalas plataformas dixitais e xa no mes de marzo, comezarán unha xira por salas que os levará a Madrid, Toledo ou Barcelona e tamén por primeira vez incluirán varias datas internacionais na súa xira por Portugal; onde actuarán nas cidades de Braga e Oporto, antes do comezo da tempada de verán. As primeiras datas en terras galegas serán o 16 de Marzo en Vigo, na Sala Masterclub, xunto a MP Crew (Catalunya) e o dúo vigués conformado por Frank Huxley & 2PAS0S, e o 12 de Abril en Santiago de Compostela, na Sala Malatesta, xunto á galega High Paw.
Tamén che pode interesar:
- 30/ 1/ 2020 | A comunidade Hip Hop em galego seleccionou os mellores temas de 2019
- 26/ 4/ 2016 | Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom
- 21/ 1/ 2013 | Rebeliom do Inframundo lanza A sorpresa
- 8/ 7/ 2009 | A revista Rockzone distribúe o terceiro disco de Aphonnic
- 25/ 5/ 2009 | Fasero presenta o seu terceiro disco en solitario