O novo álbum de Boyanka Kostova amosa a versatilidade rap do dúo
xuño 2, 2023
O dúo compostelán Boyanka Kostova non quere deixar a ninguén indiferente e co seu estilo trap recoñecible e inimitable veñen de presentar o que é o seu novo traballo longo, o primeiro publicado baixo o selo Ernie Records co que xa traballaba un dos seus compoñentes, Chicho, co seu proxecto en solitario Ortiga. 'Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados', unha estrofa do tema 'Magic English', é o vistoso título deste traballo que supón o seu quinto disco nos sete anos de actividade. O álbum está composto por dez pistas; unha intro e nove cancións que tratan de tocar todas as puntas do RAP. Dende G-funk, ata Bum Bap, pasando por rap de baile, temas de (e con) artistas contemporáneos e mesmo un beef cara á formación pontevedresa SondaRúa (Infelicce)… sen saírse nunca do son que lles caracteriza. Bases á antiga, que xorden de sampleos de outras cancións, simples e eficaces, que conseguen que o loop de 3 minutos sexa ata efémero.
O disco conta ademais coas colaboracións de Nuno Pico -Grande Amore-, J.Odt e Dj Mil. O disco está xa nas plataformas dixitais e tamén está dispoñible en vinilo. A portada está diseñada por MØU. O propio Ortiga -Chicho-, é o produtor deste traballo, que foi gravado e mesturado por Hevi en Laboratorio Soyuz. 'Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados' supón un paso adiante no universo Boyanka Kostova, segundo o seu selo discográfico, porque vén deixar constancia da versatilidade do dúo. O grupo busca ofrecer no álbum o seu corte máis clásico. Ademais dos adiantos que foron publicando nos meses pasados como 'A feira das mentiras', 'ORDOÑO', 'Magic English' e 'Freshks II', a lista completa ofrece moitos máis temas variados e refrescantes. A presentación directo xa ten algunhas datas futuras, comezando o vindeiro xuño no festival Surfing the Lérez de Pontevedra e xa en xullo en Teo, Esteiro e pasarán polo TerraCeo de Vigo en setembro, a falta de ir ampliando estas datas.