Noticias
O Atlantic Fest volta a Vilagarcía en plenitude
Xénero:
| 8 / 7 / 2022Izal, Andrés Calamaro, Fangoria, Nancys Rubias, Los Planetas, Quique González ou La Casa Azul con algúns dos nomes que encabezan o cartel da nova xeira do Atlantic Fest. Xa sen restricións, o festival volta á praia da Concha deVilagarcía de Arousa entre os días 15 e 17 de xullo no seu formato orixinal. Ademais da música, o programa inclúe unha exposición de pósters sobre música do deseñador Xavi Forné, unha mesa redonda sobre festivais e escena independente en Galicia ou presentacións de libros.
A Zona da Zanfona recupera os cursos de formación na súa nova xeira
Xénero:
| 7 / 7 / 2022O festival Zona da Zanfona volta a Rianxo na súa décimo oitava edición. Canda aos habituais concertos de balde, a cita mantén a xuntanza de escolas de zanfona e recupera, logo de dous anos, os cursos de aprendizaxe. Entre os días 8 e 10 de xullo poderán verse na vila recitais do virtuoso italiano Francesco Giusta, do proxecto portugués de Pedro Viana e João Martins, e do espectáculo Arredor da roda do coro histórico Cántigas da Terra creado especialmente sobre este instrumento.
Falece Antón de Santiago, barítono e divulgador da música clásica
Xénero:
| 6 / 7 / 2022Aos 77 anos de idade falecía este 5 de xullo o coruñés Antón de Santiago, coñecido nome do panorama lírico do noso país. Barítono, compositor, estudoso, crítico, docente e divulgador, o seu nome aparece vencellado ao longo do tempo a múltiples iniciativas como os apropósitos do Entroido da Coruña, que mantivo durante anos, a Agrupación Lírica Ofelia Nieto, que refundou, o grupo Magnificat de música religiosa, que creou, ou o Instituto de Estudos Coruñeses, do que era membro.
Os Premios Martín Códax incorporan as categorías de Artista do ano e Artista Emerxente
Xénero:
| 4 / 7 / 2022A Asociación Músicas ao Vivo bota a andar a novena xeira dos Premios Martín Códax. Os galardóns que recoñecen os mellores traballos sonoros de cada ano abren o prazo de inscrición de proxectos este 11 de xullo con vistas a realizar a súa gala de entrega o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A Xunta coloca en Vigo o Festival Latitudes
Xénero:
| 1 / 7 / 2022A Xunta ven de presentar da man da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a primeira edición en Vigo do Festival Latitudes. Esta cita musical, a celebrar os días 19 e 20 de agosto no Peirao de transatlánticos, ofrecerá un cartel de artistas internacionais e galegos equiparable en calidade ao do festival O Son do Camiño, en Santiago. Xustamente foi na capital galega en 2016 onde se celebrou unha anterior edición deste Festival latitudes que agora se instala en Vigo. Para a organización do evento a Xunta contou coa produtora Esmerarte, unha das que xestiona O Son do Camiño e promotora tamén do Portamérica.
Volven os solpores musicais na Cidade da Cultura
Xénero:
| 28 / 6 / 2022Dezaseis solpores desde a Cidade da Cultura de Galicia terán a música en directo como fondo durante este verán. Unha nova edición de Atardecer no Gaiás comezará o xoves 7 de xullo e ata o 26 de agosto, cada xoves e venres durante os dous meses no enclave da capital galega. Dentro da programación desta décimo segunda edición do ciclo o público poderá gozar de balde de música con diversos estilos e procedente de distintas xeografías. Así, a oferta abrangue desde o pop á canción de autor e o flamenco, a electrónica, o folk experimental e ritmos urbanos que mesturan xéneros como a electrocumbia, trap ou hip hop. A Cidade da Cultura será un escaparate das tendencias musicais actuais, tanto de Galicia, na súa meirande parte, como do resto do territorio español e portugués. Os concertos recuperan o seu formato orixinal, tras os anos de pandemia, e serán de acceso libre, sen reserva previa.
'Música no Ar' acollerá concertos de cámara en espazos patrimoniais de Pontevedra
Xénero:
| 27 / 6 / 2022O Castelo de Soutomaior acollerá este martes 28 o concerto "Retrato musical", da Orquestra Clásica de Vigo e Cintadhesiva, co que se fai a apertura do ciclo Música no Ar, organizado desde a deputación de Pontevedra. Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos servirán de escenarios para este programa de música de cámara. Ata trece actuacións diferentes entre este martes e o 25 de setembro en outros tantos espazos singulares da provincia. Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que van desde o clásico ao contemporáneo. Todas as actuacións son de balde, as de Soutomiaior e do castelo de Sobroso requiren inscrición previa.
Actos en varias cidades celebran o Día Europeo da Música
Xénero:
| 21 / 6 / 2022Coincidindo co solsticio de verán celébrase hoxe o Día Europeo da Música, unha festa de recente tradición que insta a sacar a música a rúas, prazas e espazos públicos para compartila. Co gallo desta data algunhas entidades e administracións levan a cabo actos hoxe ou durante a vindeira fin de semana. En todos os casos as actividades son de balde, algunhas con reserva previa.
O vigués Iago Galego debuta con Filloas
Xénero:
| 20 / 6 / 2022Filloas é o proxecto máis persoal do artista vigués Iago Galego Ferreiro que agora distribúe a plataforma A Regueifa 2.0. Iago Galego aposta pola música urbana pero non renuncia a engadir sonoridades de diversa orixe que van dende o synth-pop, o autotune, guitarreo eléctrico e sintetizadores, trap e Eurobeat. Once temas nun álbum de nome homónimo no que abundan as pezas para bailar. Todo isto sempre acompañado de letras persoais e profundas e nas que sempre hai un oco para a comedia. Filloas ofrécenos letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia"). Iago Galego busca un recuncho recoñecible de seu nesta escena musical actual desinhibida e sen complexos, facendo aumentar o rico panorama da música urbana en galego. Segundo A Regueifa 2.0 "se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas".
A décima edición do Surfing the Lérez ofrece tres días de música galega
Xénero:
| 17 / 6 / 2022O Surfing the Lérez máis longo celébrase a semana que ven e preséntase hoxe xa cun concerto de Tony Lomba. O festival pontevedrés da Illa das Esculturas presentou este ano a súa décima edición cun programa de tres xornadas e cun cartel de propostas da escena musical galega en exclusiva, moitas delas locais. Durante os días 23, 24 e 25 de xuño -o cal inclúe a noite e festividade de San Xoán- volverá á Illa das esculturas este evento tras o parón pandémico e no seu formato habitual aberto e de balde con recollida de alimentos. Hoxe dáse a saída a estas edición tan especial cunha festa de presentación en forma de concerto de Tony Lomba ás 22 horas en El Pequeño. Este ano o festival incluirá un novo escenario reservado para o público infantil, no que haberá contacontos, teatro e obradoiros infantís. A proposta inclúe un obradoiro sobre memoria histórica a cargo de García MC.