Noticias
Volven os máis emblemáticos festivais de jazz urbanos
Xénero:
| 16 / 6 / 2022A parella feita polo jazz e o verán volve ás cidades coa recuperación de destacadas citas de axenda que levan moitos anos servindo de escaparate e conexión deste xénero e os seus artistas locais e internacionais co público. Dúas citas urbanas consolidadas recobran este a no a presencia estival. É o caso do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e do Festival Internacional +QJazz da Coruña. Durante o mes de xullo estes eventos retomarán a súa oferta traendo a Galicia a figuras de primeiro nivel. A permanencia e volta de outras citas urbanas habituais deste xénero, como o caso do Festival de Jazz de Vigo que substituíu ao ImaxinaSons en 2018, está aínda por coñecerse. En varias pequenas localidades sí haberá de novo estes eventos.
Os XXI Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen a Fol Música
Xénero:
| 9 / 6 / 2022O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollía na noite deste 8 de xuño a gala dos XXI Premios Opinión da Música de Raíz. Os galardóns resultaron neste ano moi repartidos e ningún dos proxectos galardoados obtivo recoñecemento e máis dunha categoría.
Volve a Duendeneta aos Camiños das Músicas Galegas
Xénero:
| 8 / 6 / 2022A Duendeneta volverá a percorrer as rutas xacobeas de Santiago en Galicia co obxectivo de dar a coñecer a música feita en galego desde Andrés Dobarro ata as Tanxugueiras. Hoxe tivo lugar en Santiago a presentación da segunda xira Os Camiños das Músicas Galegas co que por segundo ano consecutivo a furgoneta musical máis famosa de Galicia percorrerá o camiño de Fisterra, o francés e a Vía da Prata durante os meses de xuño e xullo. Nesta nova edición, a discoteca móbil viaxará por diversas prazas e vilas, ofrecendo ata 32 sesións musicais de carácter didáctico, que mostrarán a historia da música da nosa comunidade e na nosa lingua propia, tanto a peregrinos como a habitantes destes enclaves. O DJ desta iniciativa é o xornalista Carlos Crespo, que deseñou e conduce as sesións musicais, cunha duración aproximada de hora e media ou dúas horas de duración, coas que achega a música de galegos e en galego, cunha selección musical coa que percorrerá toda a historia musical galega, comezando con Andrés Dobarro e chegando, nesta actualización respecto ao pasado ano, coas Tanxugueiras. En concreto a Duendeneta percorrerá os concellos de Fisterra, Muxía, Corcubión, Cee, Negreira no Camiño de Fisterra; O Pedrouzo, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Triacastela e O Cebreiro no Camiño Francés; Vedra, Silleda, Lalín, Ourense, Allariz, Xinzo da Limia na Vía da Prata e tamén no Monte do Gozo, onde rematará a súa xira deste ano.
Fisterra recupera esta fin de semana o seu 'Blues Experience'
Xénero:
| 8 / 6 / 2022Esta vindeira fin de semana o festival Fisterra Blues Experience chega á súa VI edición e faino cun formato ampliado e ambicioso ofrecendo espectáculos de destacados artistas galegos, nacionais e internacionais nun amplo abano de sons sen deixar a de atender ao blues ao que debe o seu nome. Oito dos once artistas confirmados no cartel son galegos. Nesta VIª edición a vila fisterrá volverá acoller actividades nas súas prazas e rúas, ademais de no seu emblemático faro e no campo de fútbol Ara Solis, que toma o seu nome do altar ao sol construído polos fenicios nesta localidade da Costa da Morte. En total, serán tres días de experiencias únicas, do 10 ao 12 de xuño, nas que a música, a historia, a natureza ou os ansiados encontros, serán protagonistas tanto en terra firme coma nas augas da Costa da Morte.
A ópera Norma será o prato forte da 70ª Temporada Lírica da Coruña
Xénero:
| 7 / 6 / 2022O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou na Coruña na presentación da 70ª edición da Temporada Lírica da Asociación Amigos de la Ópera, que volve contar co apoio económico do Goberno galego a través dun convenio de colaboración dotado con 150.000 euros. A posta en escena da famosa ópera de Bellini, Norma, será un dos pratos fortes da programación deste ano, que entre setembro e decembro ofrecerá unha quincena de citas para os amantes do xénero lírico, entre recitais, galas e actividades formativas. Sutil enmarcou esta colaboración da Xunta no seu labor de promoción e fomento de moi diferentes ciclos, circuítos e eventos arredor da música como expresión artística universal e diversa.
Boyanka Kostova apostan forte pola muiñeira-trap con 'Ranaeira'
Xénero:
| 6 / 6 / 2022Retranca, trap, música tradicional, hip-hop, electrónica, verbena e máis retranca son os ingredientes cos que o dúo Boyanca Kostova enchen o seu segundo traballo , "Ranaeira" (Mushroom Pillow). Chicho González (Ortiga) e Cibrán García seguen ensanchando o espazo da reinterpretación do tradicional a través dos ritmos urbanos e electrónicos coa súa muiñeira-trap como bandeira. "Ranaeira" tivo como adiantos dous temas que xa deixaban ver os camiños que ía tomar o álbum. O primeiro deles ese "Ázido Úriko", unha colaboración cos Dios Ke Te Crew na que tiran de retranca para renovar os tópicos sobre mariscadas, mentres que no segundo sinxelo presentado "A Quincena Do Apóstol", atopan na vida compostelá e na música tradicional materiais para crear un himno propio cun retrouso para enganchar ben nas verbenas, concertos e festivais. O disco inclúe unha remestura "club" desa "Muinheira de interior" reinventada coa colaboración da cantante Pili Pampín. En total once temas para esta nova entrega que chega para marcar distancias con calquera outro proxecto musical actual de música galega malia poder compartir puntos de encontro con algúns. A presentación en directo comezará na casa, coa participación no festival O Son do Camiño de Santiago o vindeiro 16 de xuño. Tras diso pasarán tamén polo festival AstroMona Fest, de Valladolid o 2 de xullo e xa hai outros concertos programados na axenda dos músicos.
Unha foliada para recuperar a festa furtada
Xénero:
| 6 / 6 / 2022Recuperar a festa furtada pola represión fascista e homenaxear a artistas de todo o país que a padeceron son os obxectivos da 'Foliada da Memoria' que vai facer a Deputación de Pontevedra sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín). A entidade provincial organiza este evento a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, coa colaboración da agrupación Os Dezas de Moneixas e do Concello de Lalín. A xornada será de memoria festiva e durará todo o día, con actividades para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar. Xurxo Souto conducirá este acto. A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.
A Agadic convoca as axudas para programacións musicais
Xénero:
| 3 / 6 / 2022Ao abeiro dos fondos Fondos de Desenvolvemento Rexional para a recuperación da pandemia, na liña REACT-UE, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar unha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución desta medida, que conta cun orzamento total de 600.00o euros e vai dirixida a espazos de exhibición musical privados, situados no país e coas preceptivas licenzas, que teñan realizado un mínimo de 25 concertos ao longo do último ano.
A pandeireta como eixo do Serán '03
Xénero:
| 1 / 6 / 2022A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.
As mulleres 'visibles e sonoras' da música contemporánea
Xénero:
| 31 / 5 / 2022Este mércores, 1 de xuño comezan, cun Solo de Arpa de Cristina Montes Mateo ofrecendo un programa de música orixinal de nove compositoras españolas, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. Ata o 29 de xuño desenvolveranse en Santiago estes encontros que consistirán en tres coloquios e nove concertos. O eixo transversal deste ciclo son as achegas femininas, xa sexa de compositoras como intérpretes ou investigadoras, no marco da música contemporánea. Daí que o título desta edición sexa "(In)visibles e sonoras", buscando traelas diante do foco. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Santiago (Compostela Cultura), o CGAC, a USC, a Deputación da Coruña e o Consorcio da cidade. As xornadas celébranse en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías. Todos os eventos serán con entrada de balde, previa retirada de convites.