Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Unha foliada para recuperar a festa furtada

A DEPUTACIóN DE PONTEVEDRA ORGANIZA A 'FOLIADA DA MEMORIA' COMO HOMENAXE AOS ARTISTAS REPRESALIADOS POLO FASCISMO

Unha foliada para recuperar a festa furtada

FOLK | xuño 6, 2022

imaxe non dispoñible

Recuperar a festa furtada pola represión fascista e homenaxear a artistas de todo o país que a padeceron son os obxectivos da 'Foliada da Memoria' que vai facer a Deputación de Pontevedra sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín). A entidade provincial organiza este evento a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, coa colaboración da agrupación Os Dezas de Moneixas e do Concello de Lalín. A xornada será de memoria festiva e durará todo o día, con actividades para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar. Xurxo Souto conducirá este acto. A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.

A xornada comezará cunha alborada festiva a cargo de ata catro agrupacións que percorrerán a comarca. Logo farase un acto de lectura dun manifesto de homenaxe ás vítimas, momento que contará coa participación de familiares e historiadores expertos en memoria do golpe de estado e a represión franquista. A xornada inclui´ra comida popular, serán e actuacións de monicreques, así como obradoiros de baile e canto.

Os nomes a lembrar
A relación de vítimas ás que se dedicará esta Foliada inclúe varios nomes así sinalados desde a organización: Constante Moreda, gaiteiro de Cabral, asasinado en decembro do 36 no Castro de Vigo, xunto ao seu pai, Manuel Moreda Outeiral, e o seu irmán, José Moreda Vázquez; Manuel del Río Mandayo experto carpinteiro e gaiteiro afeccionado, detido e paseado o 5 de outubro de 1936, por ser o responsable local da UXT e do PSOE de Ordes; a súa muller Pilar Navieira Golán, a quen tamén lle gustaba tocar a pandeireta, xunto coa súa irmá Maruja del Río Mandayo, e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas. Logo de rapalas, obrigáronas a desfilar polas rúas facendo o saúdo fascista e dando vivas a España e a Franco, entre as burlas dos falanxistas. Nesta triste lista están tamén as homenaxes a José Gómez Avelaira, integrante dos gaiteiros de Xinzo da Costa (Maceda), paseado en Sarreaus (Ourense); Xesús Froiz, promotor dos Dezas de Moneixas, que sempre o acompañaban nos mitins do Partido Galeguista, tamén asasinado; as irmás Pastora e Cándida Cordal que, cantando, bailando e tocando a pandeireta, eran o centro de todas as festas, naquel verán do 36 os falanxistas sacáronas da cama e obrigáronlles a tocar a pandeireta e bailar espidas unha xota no campo da festa para que todo o mundo as vira.